Galicia participa na reunión do proxecto REHEAL en Atenas (Grecia) para a busca de solucións innovadoras no eido das cadeas sanitarias de subministro circulares


  • ​O Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde participan nun novo proxecto europeo para a adquisición de solucións innovadoras de cadeas de suministro circulares na modalidade de Compra Pública Precomercial.
  • O proxecto ten unha duración de 4 anos e un orzamento total de 7,3 millóns de euros liderado pola Universidade de Edimburgo.

Atenas (Grecia), 5 de marzo de 2026.- Durante os días 4 e 5 de marzo, no maior hospital privado da cidade de Atenas (Grecia), o MITERA Hospital, tivo lugar a reunión do consorcio do proxecto europeo de Compra Pública Precomercial REHEAl.  No evento participaron en calidade de socios o director da área de Desenvolvemento en Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero, e a coordinadora da estratexia de economía circular do SERGAS, Beatriz Piñeiro de GALARIA.

Neste contexto o plan REHEAL, de 4 anos de duración, está destinado a facilitar a adquisición sostible, o reacondicionamento, a reciclaxe e a recuperación de recursos nos sistemas sanitarios, mediante ferramentas dixitais e o despregamento dunha estratexia de contratación pública de innovación. A reunión semestral do consorcio permitiu aliñar estratexias e fixar novos obxectivos e actividades.

A Universidade de Edimburgo coordina o proxecto que ten como socios, ademais do SERGAS e da ACIS, o Servizo Nacional de Escocia (NSS) e o Goberno Escocés (Reino Unido), a rexión de Hovedstaden (Dinamarca), a Fundación Clúster de Ciencias da Vida Cracovia – KLSK (Polonia), o Hospital MITERA (Grecia), e o consorcio europeo EIT Digital. Desta forma representa a 261 hospitais e centros sanitarios, a uns 300,000 profesionais sanitarios e case a 17 millóns de cidadáns.

Consulta Preliminar ao Mercado aberta ata o 23 de marzo

O proxecto despregará unha programa de Compra Pública Precomercial de 3,5 millóns de euros de inversión para codeseñar e pilotar solucións innovadoras de cadea de subministración inversa con 20 provedores. Ademais, tratarase de contar coa participación de máis de 20 sistemas sanitarios ampliando o impacto en toda Europa.

Co obxectivo de coñecer as potencialidades e redefinir o reto conxunto detectado polo consorcio, o proxecto ten aberto un formulario de Consulta Preliminar ata o 23 de marzo co fin de que empresas e entidades de I+D+i envíen as súas contribucións poidendo influir desta maneira na futura licitación de CPP.

O SERGAS a través da ACIS é referente en Compra Pública Innovadora a nivel europeo con experiencia no eido da metodoloxía de Living Labs o que posiciona a Galicia como axente clave para colaborar en proxectos europeos de innovación sanitaria, facilitando unha implantación de solucións pioneiras centradas nas necesidades de profesionais e pacientes.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.