O vangardista modelo de compra pública innovadora promovido polo Sergas foi pioneiro no seu momento en España e é na actualidade un referente a nivel europeo.
A aposta por esta fórmula baséase nos importantes beneficios tanto para o Sistema Galego de Saúde como para o tecido empresarial:
- Mellora dos servizos públicos sanitarios a través da incorporación de bens ou servizos innovadores.
- Fomento da innovación empresarial, principalmente das pequenas e medianas empresas.
- Pulo á internacionalización e comercialización da innovación, empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.
As iniciativas
InnovaSaúde e Hospital 2050 (H2050) son casos de éxito recoñecidos de pulo á innovación dende a administración co obxectivo combinado de dinamizar o mercado e de mellorar a prestación de servizos públicos, tanto na modalidade de compra pública precomercial como na de compra pública de tecnoloxías innovadoras. Co aval do coñecemento e a experiencia acumulados grazas a estas dúas iniciativas, o Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, continuou o compromiso con ambiciosos proxectos como Empattics,
Código100, Innova MicroLab e
INNOVATRIAL, e proxectos presentes como PRECISAÚDE e REHEAL, nos que están chamados a participar todos os axentes interesados en formar parte do futuro da sanidade galega.
PREMIADOS
En 2026 a estratexia en Compra Pública de Innovación do Servizo Galego de Saúde
gaña os European Public Sector Awards, premios organizados polo European Institute of Public Administration (EIPA) co apoio da Comisión Europea. A candidatura encadrada na categoría de ‘Prestación de servizos centrados no usuario a nivel subnacional’, e que concorreu con outras 36 iniciativas, pon en valor unha estratexia que o Sergas desenvolve desde 2012 e na que investiu máis de 120 millóns de euros.
PORTAL DE COÑECEMENTO EN CPI
O
portal de coñecemento en Compra Pública de Innovación do Sistema Público de Saúde de Galicia, xestionado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, pretende ser un punto de información para transformar o sistema sanitario mediante a contratación de solución innovadoras para necesidades non cubertas. A plataforma pretende ser un punto de encontro para hospitais, investigadores e empresas innovadoras ofrecendo información sobre proxectos activos e pasados do Servizo Galego de Saúde, e o que é máis importante, leccións aprendidas e conceptos básicos sobre a CPI.