Premios de innovación en saúde

A Consellería de Sanidade pretende transformar o xeito en que as persoas implicadas no sistema sanitario público galego se relacionan e participan nel. A través da implantación e xestión dun modelo de innovación aberta e de enfoque social, ábrense oportunidades ilimitadas para que profesionais, pacientes, coidadores e demais perfís implicados acheguen ideas de mellora baseadas na súa experiencia.

Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das ditas competencias, creouse a Rede de Nodos de innovación sanitaria, cuxo obxectivo é que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde poidan achegar ideas de mellora ou proxectos co fin de substituír procesos ou servizos por outros de maior eficiencia e/ou impacto. A principal función da rede de Nodos de innovación é recoller, valorizar e acompañar estas ideas ou proxectos co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o Sistema público de saúde de Galicia.

Para a promoción e dinamización da achega de ideas á rede por parte de calquera profesional do Sistema público de saúde de Galicia creouse un Nodo de innovación en cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia. Esta rede de nodos de innovación recolle aquelas ideas en liña co Plan de prioridades sanitarias e coa Estratexia do Servizo Galego de Saúde, que sexan innovadoras e presenten beneficios para o Sistema público de saúde de Galicia e os seus usuarios.

Os Premios de innovación en saúde pretenden premiar aquelas ideas innovadoras dos profesionais do sistema sanitario público galego que teñen potencialidade para entrar na Plataforma de innovación, ferramenta da rede de Nodos de innovación, así como proxectos de innovación máis maduros ou xa desenvolvidos que se poidan extrapolar ao resto das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, coa finalidade de impulsar a participación dos pacientes nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de innovacións na sanidade pública, os premios prevén unha categoría de ideas presentadas directamente por persoas físicas, asociacións ou organizacións de pacientes para os efectos de que poidan ser postas en marcha dentro do sistema sanitario público de Galicia.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.