Compra Pública Innovadora

O vangardista modelo de compra pública innovadora promovido polo Sergas foi pioneiro no seu momento en España e é na actualidade un referente a nivel europeo.

A aposta por esta fórmula baséase nos importantes beneficios tanto para o Sistema Galego de Saúde como para o tecido empresarial:
  • Mellora dos servizos públicos sanitarios a través da incorporación de bens ou servizos innovadores.
  • Fomento da innovación empresarial, principalmente das pequenas e medianas empresas.
  • Pulo á internacionalización e comercialización da innovación, empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.

As iniciativas InnovaSaúde e Hospital 2050 (H2050) son casos de éxito recoñecidos de pulo á innovación dende a administración co obxectivo combinado de dinamizar o mercado e de mellorar a prestación de servizos públicos, tanto na modalidade de compra pública precomercial como na de compra pública de tecnoloxías innovadoras. Co aval do coñecemento e a experiencia acumulados grazas a estas dúas iniciativas, o Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, continuou o compromiso con ambiciosos proxectos como Empattics, Código100, Innova MicroLab e INNOVATRIAL, e proxectos presentes como PRECISAÚDE e REHEAL, nos que están chamados a participar todos os axentes interesados en formar parte do futuro da sanidade galega.​​
 
PREMIADOS
 
Os primeiros recoñecementos chegaron da man dos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050 co 2º Premio Europeo de Compra Pública Innovadora (Procurement of Innovation Award 2015) da Comisión Europea e o Premio Nacional de Innovación 2013, na modalidade de Compra Pública Innovadora.
 
No 2021, o Servizo Galego de Saúde logra ser gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC) nunha candidatura na que se recolle a aposta da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde pola compra pública innovadora con proxectos como H2050, InnovaSaúde, Código100, INNOVATRIAL, Innova MicroLab ou LABSAÚDE -o primeiro living lab de saúde do Sergas no Hospital Universitario de Ourense-. Ademais a candidatura inclúe o recoñecemento de Galicia como unha das rexións de referencia europea no desenvolvemento, a adopción e escalado de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable.

PORTAL DE COÑECEMENTO EN CPI

O portal de coñecemento en Compra Pública de Innovación do Sistema Público de Saúde de Galicia, xestionado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, pretende ser un punto de información para transformar o sistema sanitario mediante a contratación de solución innovadoras para necesidades non cubertas. A plataforma pretende ser un punto de encontro para hospitais, investigadores e empresas innovadoras ofrecendo información sobre proxectos activos e pasados do Servizo Galego de Saúde, e o que é máis importante, leccións aprendidas e conceptos básicos sobre a CPI. 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.