Nesta terceira edición participaron un total de 60 candidaturas, dos que 50 corresponde á categoría profesional e 10 á modalidade de asociacións e pacientes.
Como novidade, outorgáronse dous premios en cada unha das modalidades. Na de pacientes, a gañadora foi a proposta presentada pola Fundación Galega de Dano Cerebral FEGADACE “A Saúde Oral, garantía do benestar das persoas con Dano Cerebral Adquirido”, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con DCA, potenciando un correcto mantemento da saúde oral. O encargado de recoller o galardón foi o presidente da Fundación, Luciano Fernández Pintor.
O segundo premio da modalidade de pacientes recaeu sobre o proxecto
“Alimentación texturizada”, presentado pola Asociación de pais de persoas con parálise cerebral- ASPACE CORUÑA, cuxa finalidade é favorecer que as persoas con disfaxia poidan ter unha alimentación máis completa, ao incluír alimentos que antes non podían inxerir por ser pouco seguros para elas. Recolleu o premio a súa presidenta, Carmen Barreiro Santos.
En canto á modalidade de profesionais, o gañador desta edición foi Frank Alberto Betances Reinoso, co seu proxecto “Asistente virtual para rehabilitación e terapia de linguaxe”, que propón a dixitalización e desenvolvemento dun programa de estimulación temperá baseado nun asistente virtual que permita guiar aos pais para implementar programas de estimulación e rehabilitación domiciliaria.
O segundo premio recaeu na proposta
“Proxecto para a implantación de asistencia domiciliaria en nenos no marco dun programa de coidados paliativos”, presentado por Paula Buyo Sánchez, Ana Alas Barbeito e Gema Muñoz García, e que propón a creación dunha unidade transversal formada por pofesionais con formación específica en Coidados Paliativos Pediátricos, e que desenvolvan parte do seu labor asistencial en diferentes subespecialidades, como oncoloxía infantil, neuropediatría e coidados intensivos pediátricos, incluíndo a asistencia presencial, telefónica e no domicilio.