Convocatoria e bases reguladoras 2022

  • A finalidade do premio é incentivar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como as dos pacientes e as súas asociacións.
  • Novidade: Contamos con dous gañadores para cada unha das modalidades.
  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O código do procedemento asociado é: SA304A - Premios de innovación en saúde
  • O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 16 de setembro do 2022 (prazo ampliado).
As candidaturas que sexan galardoadas co premio deberán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de Innovación Sanitaria para a seu posible desenvolvemento ou implantación no Servizo Galego de Saúde. O Servizo Galego de Saúde impulsará as ideas galardoadas para a súa implantación no sistema. Tamén poderán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na P.I. para o seu acompañamento as catro ideas preseleccionadas e non galardoadas en cada unha das modalidades.
 
A quen van dirixidos?
Respecto á modalidade de idea de profesionais: persoal ao servizo do Sistema Público de Saúde de Galicia que desenvolva unha idea innovadora no sistema sanitario galego. As persoas físicas que presenten unha idea poden representar un equipo (máximo 4 persoas, incluído o representante).
 
 
Respecto á modalidade de idea de pacientes: poderá presentar a súa idea calquera persoa física (pacientes, coidadores, etc.), organización ou asociación de pacientes sen ánimo de lucro. Tamén poderán presentarse varias persoas físicas, organizacións ou asociacións de pacientes representadas por unha delas (máximo 4, incluído o representante).
Os premios consistirán en
Modalidade de idea de profesionais:
a) Adquisición de material e pequeno equipamento inventariable, subcontratación de servizos de I+D+i ou gastos similares vencellados ás actividades da idea gañadora; e/ou
b) Asistencia a cursos de formación, a congresos relacionados coa innovación, a un centro innovador de ámbito internacional ou actividades relacionadas.
A dotación económica máxima na modalidade de profesionais é de 6.500 euros para o proxecto gañador e de 3.250 euros para o segundo clasificado.
 
 
Modalidade de idea de pacientes:
a) Adquisición de material e pequeno equipamento inventariable ou subcontratación de servizos de I+D+i vencellado ás actividades da idea gañadora; e/ou
b) Formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que o gañador desta modalidade seleccione.
A dotación económica máxima na modalidade de pacientes é de 2.000 euros para o proxecto gañador e de 1.000 euros para o segundo clasificado.
 
Farase entrega dos premios nun acto público organizado pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde conxuntamente co Nodo de Innovación de A Coruña, con representación institucional e coa axeitada campaña de difusión entre a sociedade.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.