- O encontro, moderado polo SERGAS, ACIS e GALARIA EPSS, reuniu os socios do consorcio europeo para presentar as necesidades dos sistemas sanitarios participantes e as oportunidades de innovación na cadea de subministración sanitaria.
- As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas achegas a través da Consulta Preliminar ao Mercado, aberta ata o 16 de novembro.
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2026.- O proxecto europeo REHEAL, no que participan o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) co apoio de GALARIA EPSS, celebrou hoxe unha xornada internacional en liña para presentar o seu reto de innovación actualizado. O encontro enmárcase na nova fase de Consulta Preliminar ao Mercado (CPM), destinada a recoller achegas de empresas e entidades innovadoras de cara á futura contratación pública precomercial.
A sesión estivo moderada por José María Romero, director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, quen presentou os obxectivos do proxecto REHEAL e explicou as principais características da contratación pública precomercial (CPP) como instrumento para impulsar o desenvolvemento de solucións innovadoras.
Un reto compartido por diferentes sistemas sanitarios europeos
Durante a xornada, os socios do consorcio REHEAL presentaron as súas organizacións, os seus ámbitos de especialización e a súa contribución ao proxecto. As entidades compradoras participantes expuxeron, ademais, as características dos seus respectivos sistemas sanitarios, os centros previstos para a validación das solucións e os principais desafíos que afrontan na xestión das súas cadeas de subministración.
A continuación, Juan Francisco Ínsua, subdirector de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, e Cristina Enjamio, xefa do Servizo de Consultaría de Galaria, EPSS, SA, presentaron a definición actualizada do reto de REHEAL, reformulado a partir das achegas recollidas nas primeiras consultas ao mercado.
O novo reto céntrase no desenvolvemento dunha solución dixital integrada para mellorar a trazabilidade dos produtos sanitarios ao longo do seu ciclo de vida e facilitar a toma de decisións, estruturada en tres compoñentes: a trazabilidade e verificación dos produtos e a integración de datos; o apoio ás decisións de compra mediante a análise de custos e impactos ambientais; e a análise da demanda e do potencial de implantación das solucións circulares a maior escala.
O proxecto utilizará o ámbito cirúrxico como caso de uso común para o desenvolvemento e validación das solucións, tomando como referencia diferentes categorías de produtos sanitarios, como instrumental cirúrxico reutilizable, instrumental robótico ou téxtiles cirúrxicos.
Tras a presentación, abriuse un espazo de diálogo cos participantes para resolver dúbidas e recoller achegas do mercado sobre a viabilidade técnica do reto e as posibilidades de desenvolvemento das futuras solucións.
Consulta aberta ata o 16 de novembro
A xornada forma parte da nova fase de Consulta Preliminar ao Mercado de REHEAL, cuxo obxectivo é contrastar a viabilidade técnica do reto actualizado, coñecer as capacidades do mercado e recoller información que contribúa a definir os requisitos da futura licitación.
As empresas, centros tecnolóxicos, entidades de investigación e demais organizacións interesadas poden consultar a documentación do reto actualizado e completar o formulario de participación ata o 16 de novembro de 2026 na web www.rehealhorizon.eu
A participación de Galicia no proxecto REHEAL
REHEAL é un proxecto financiado polo programa Horizonte Europa da Unión Europea, cun orzamento de 7,36 millóns de euros, dos cales 3,75 millóns se destinan á contratación pública precomercial. O seu obxectivo é transformar a cadea de subministración sanitaria mediante o desenvolvemento de solucións innovadoras que favorezan a economía circular, a redución de residuos e o uso eficiente dos recursos.
O consorcio está integrado por sete socios de seis países europeos e conta con cinco entidades compradoras que colaboran na definición e validación de solucións adaptadas ás necesidades dos seus sistemas sanitarios.
O SERGAS participa como unha das entidades compradoras do proxecto, co apoio técnico de GALARIA EPSS, contribuíndo á identificación das necesidades clínicas e operativas e á futura validación das solucións innovadoras a través dunha experiencia piloto no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo. Pola súa banda, ACIS achega a súa experiencia en innovación sanitaria e contratación pública de innovación, prestando apoio á planificación das actividades de contratación precomercial e á coordinación das consultas ao mercado.