- Servizo Galego de Saúde, Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS), e GALARIA EPSS celebraron o acto da Consulta Preliminar ao Mercado (CPM) do proxecto REHEAL no salón de actos da Consellería de Sanidade
- O obxectivo deste evento é dar a coñecer esta iniciativa europea e fomentar a participación de empresas e axentes innovadores para a busca de solucións innovadoras
- O proxecto ten unha duración de 4 anos e un orzamento total de 7,3 millóns de euros liderado pola Universidade de Edimburgo.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026.- O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu a Consulta Preliminar ao Mercado do proxecto REHEAL coa presenza do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño acompañado polo Xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, o Xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, o Xerente da área sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e a Xerente de GALARIA, Rocío Mosquera.
A Consellería de Sanidade pretende continuar con esta liña de excelencia en materia de Compra Pública Innovadora. Neste contexto o plan REHEAL, de 4 anos de duración, está destinado a facilitar a adquisición sostible, o reacondicionamento, a reciclaxe e a recuperación de recursos nos sistemas sanitarios, mediante ferramentas dixitais e o despregamento dunha estratexia de contratación pública de innovación.
O Director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero, expuso o proxecto europeo REHEAL e o procedemento das Consultas Preliminares ao Mercado (CPM) para animar ao ecosistema galego a participar nesta iniciativa. Enmárcase no Programa Horizon Europe PCP e, na súa totalidade, está financiado pola Unión Europea. Este proxecto está liderado pola Universidade de Edimburgo (Reino Unido) como socio coordinador e conta coa participación como socios de 7 entidades europeas pertencentes a diferentes ámbitos para o seu desenvolvemento.
As consultas preliminares ao mercado son un mecanismo mediante o cal as entidades sanitarias e os responsables da toma de decisións poden interactuar cos provedores de solucións innovadoras antes de lanzar unha licitación ou un proceso formal de adquisición. Este proceso permite unha comunicación bidireccional, na cal os provedores poden presentar as súas propostas e as entidades sanitarias poden expresar as súas necesidades e requirimentos específicos.
O obxectivo deste proxecto será potenciar a través da Compra Pública Innovadora (CPI) a aqueles fabricantes e provedores sanitarios que adopten modelos orientados á economía circular para poder mellorar a xestión de produtos e materiais mellorando o medio ambiente en consonancia cos obxectivos do Pacto Verde da UE. Da mesma forma, pretenderase evitar os SUDs (dispositivos dun só uso).
Como comentaron na mesa de debate formada por Beatriz Piñeiro, coordinadora da estratexia de economía circula do SERGAS, Cristina Enjamio, xefa de consultoría de GALARIA, e Juan Francisco Ínsua, subdirector de recursos económicos de Lugo, REHEAL combinará coñecementos sanitarios e tecnolóxicos de vangarda con acceso a Living Labs e instalacións seguras de datos sanitarios para poder probar e testar na vida real as solucións e outras innovacións que desenvolva o proxecto.
O proxecto despregará unha programa de Compra Pública Precomercial de 3,5 millóns de euros de inversión para codeseñar e pilotar solucións innovadoras de cadea de subministración inversa con 20 provedores. Ademais, tratarase de contar coa participación de máis de 20 sistemas sanitarios ampliando o impacto en toda Europa.
A Universidade de Edimburgo coordinara o proxecto e terá como socios, ademais do SERGAS e a ACIS, o Servizo Nacional de Escocia (NSS) e o Goberno Escocés (Reino Unido), a rexión de Hovedstaden (Dinamarca), a Fundación Clúster de Ciencias da Vida Cracovia – KLSK (Polonia), o Hospital MITERA (Grecia), e o consorcio europeo EIT Digital. Desta forma representará a 261 hospitais e centros sanitarios, a uns 300,000 profesionais sanitarios e case a 17 millóns de cidadáns.
O SERGAS a través da ACIS é referente en Compra Pública Innovadora a nivel europeo con experiencia no eido da metodoloxía de Living Labs o que posiciona a Galicia como axente clave para colaborar en proxectos europeos de innovación sanitaria, facilitando unha implantación de solucións pioneiras centradas nas necesidades de profesionais e pacientes.