- A xornada, celebrada no Hospital Universitario Lucus Augusti, reuniu representantes do ámbito sanitario e empresarial para avanzar no desenvolvemento de solucións innovadoras que favorezan unha cadea de subministración sanitaria máis sostible e circular.
- A Consulta Preliminar ao Mercado estará abierta ata o vindeiro 16 de novembro para entidades e empresas de I+D+i
Lugo, 28 de outubro de 2026.- O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), co apoio técnico de GALARIA EPSS, celebraron hoxe no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) unha nova xornada informativa da Consulta Preliminar ao Mercado (CPM) do proxecto europeo REHEAL, financiado polo programa Horizonte Europa.
O encontro tivo como principal obxectivo presentar ao tecido empresarial a actualización do reto tecnolóxico do proxecto e abrir un espazo de diálogo para identificar capacidades, oportunidades de innovación e posibles solucións que dean resposta ás necesidades dos sistemas sanitarios europeos.
A xornada foi inaugurada polo xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e do xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa. A continuación, José María Romero, director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, presentou o proxecto.
Un reto tecnolóxico orientado á circularidade da cadea de subministración sanitaria
REHEAL é unha iniciativa europea que busca transformar os modelos tradicionais de xestión da cadea de subministración sanitaria, promovendo a transición cara a sistemas máis circulares, sostibles e resilientes.
O proxecto aposta polo desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que permitan mellorar a xestión da información e apoiar a toma de decisións ao longo do ciclo de vida dos produtos sanitarios, favorecendo un uso máis eficiente dos recursos e a transición cara a unha economía circular.
Tras analizar as achegas recibidas nas anteriores consultas ao mercado, o consorcio europeo revisou e simplificou o reto tecnolóxico, reorganizando os seus compoñentes e definindo un enfoque máis integrado, orientado ás necesidades reais dos sistemas sanitarios.
Esta actualización constitúe un paso importante na preparación da futura licitación de compra pública precomercial (CPP), que mobilizará máis de 3,5 millóns de euros para o desenvolvemento e validación de solucións innovadoras.
Diálogo co mercado e oportunidades de participación empresarial
Un dos momentos centrais da xornada foi a mesa de debate sobre o desafío REHEAL, na que participaron Juan Francisco Ínsua, subdirector de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, e Cristina Enjamio, xefa do Servizo de Consultaría de GALARIA.
Durante esta sesión abordáronse as necesidades funcionais e tecnolóxicas do proxecto, así como os principais desafíos que deberán afrontar as futuras solucións. O debate permitiu achegar ás empresas unha visión máis concreta dos obxectivos da contratación e facilitar o intercambio de coñecementos entre o ámbito sanitario e os potenciais provedores de innovación.
A xornada incluíu tamén unha explicación dos mecanismos de participación na Consulta Preliminar ao Mercado, das posibilidades de colaboración entre empresas e dos próximos pasos previstos antes da publicación da licitación.
A través deste proceso de consulta, REHEAL busca coñecer as capacidades e propostas do mercado, fomentar a participación de empresas innovadoras e contribuír á definición dunha contratación pública precomercial aberta e competitiva.
Innovación europea ao servizo dunha sanidade máis sostible
O proxecto REHEAL está financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa e reúne entidades de diferentes países europeos comprometidas coa transformación sostible dos sistemas sanitarios.
Mediante a compra pública precomercial, o proxecto promoverá a investigación, o desenvolvemento e a validación de novas solucións tecnolóxicas, co obxectivo de avanzar cara a modelos de xestión sanitaria máis eficientes, circulares e adaptables a diferentes contornos asistenciais.
A participación do SERGAS e de ACIS nesta iniciativa reforza o compromiso de Galicia coa innovación sanitaria, a compra pública innovadora e a sostibilidade na xestión dos recursos sanitarios.