- O Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde participan nun novo proxecto europeo para a adquisición de solucións innovadoras de cadeas de suministro circulares na modalidade de Compra Pública Precomercial.
- O proxecto ten unha duración de 4 anos e un orzamento total de 7,3 millóns de euros liderado pola Universidade de Edimburgo.
Edimburgo (Reino Unido), 25 de setembro de 2025.- Durante os días 24 e 25 de setembro na Universidade de Edimburgo (Reino Unido) tivo lugar a sesión inaugural do proxecto europeo de Compra Pública Precomercial REHEAl. No evento participaron en calidade de socios o director da área de Desenvolvemento en Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero, e a coordinadora da estratexia de economía circular do SERGAS, Beatriz Piñeiro de GALARIA.
O obxectivo deste proxecto será potenciar a través da Compra Pública Innovadora (CPI) a aqueles fabricantes e provedores sanitarios que adopten modelos orientados á economía circular para poder mellorar a xestión de produtos e materiais mellorando o medio ambiente en consonancia cos obxectivos do Pacto Verde da UE. Da mesma forma, pretenderase evitar os SUDs (dispositivos dun só uso).
REHEAL combinará coñecementos sanitarios e tecnolóxicos de vangarda con acceso a Living Labs e instalacións seguras de datos sanitarios para poder probar e testar na vida real as solucións e outras innovacións que desenvolva o proxecto.
O proxecto despregará unha programa de Compra Pública Precomercial para codeseñar e pilotar solucións innovadoras de cadea de subministración inversa con 20 provedores. Ademais, tratarase de contar coa participación de máis de 20 sistemas sanitarios ampliando o impacto en toda Europa.
A Universidade de Edimburgo coordinara o proxecto e terá como socios, ademais do SERGAS e a ACIS, o Servizo Nacional de Escocia (NSS) e o Goberno Escocés (Reino Unido), a rexión de Hovedstaden (Dinamarca), a Fundación Clúster de Ciencias da Vida Cracovia – KLSK (Polonia), o Hospital MITERA (Grecia), e o consorcio europeo EIT Digital. Desta forma representará a 261 hospitais e centros sanitarios, a uns 300,000 profesionais sanitarios e case a 17 millóns de cidadáns.
O SERGAS a través da ACIS é referente en Compra Pública Innovadora a nivel europeo con experiencia no eido da metodoloxía de Living Labs o que posiciona a Galicia como axente clave para colaborar en proxectos europeos de innovación sanitaria, facilitando unha implantación de solucións pioneiras centradas nas necesidades de profesionais e pacientes.