A European Network of Living Labs (ENoLL) é a federación internacional que agrupa os mellores Living Labs de Europa e do mundo.

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) en representación da Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE) é membro oficial da federación internacional da ENoLL.
Fundada en novembro de 2006 baixo a Presidencia Europea de Finlandia, esta rede Internacional de Living Labs está presente nos cinco continentes ademais de Europa. Ata o momento, a rede consta de máis de 300 Living Labs de todo o mundo. Despois dun exhaustivo proceso de solicitude e revisión, o comité avaliador da ENoLL determinou que LABSAÚDE e a súa formulación metodolóxica cumpren cos requisitos necesarios.
Directamente, así como a través dos seus membros activos, a ENoLL proporciona instalacións de co-creación, participación dos usuarios, probas e experimentación dirixidas á innovación en moitos campos diferentes como a enerxía, os medios de comunicación, a mobilidade, a atención sanitaria, etc. ENoLL é a mellor plataforma para o intercambio de boas prácticas, aprendizaxe, e desenvolvemento de proxectos internacionais de Living Labs.