A ENoLL dá a benvida á Rede de Living Labs de Saúde de Galicia no marco do seu congreso anual “Digital Living Labs Days”.

A Axencia de Coñecemento en Saúde, en representación de LABSAÚDE, participou no evento.
A Rede Europea de Living Labs (polas súas siglas en inglés EnoLL) é a federación internacional que agrupa os mellores Living Labs de Europa e do mundo.


Santiago de Compostela, 8 de Setembro de 2020.- A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) en representación da Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE) participou entre os días 2 e 4 de setembro no congreso internacional que tódolos anos organiza a European Network of Living Labs (ENoLL), nesta edición titulado: "Digital Living Lab Days"

Este foro, que este ano se celebrou online por mor da Covid-19, substitúe a reunión anual que realiza esta gran comunidade de Living labs. Os máis de 300 participantes puideron coñecer a través de sesións interactivas as últimas metodoloxías e ferramentas de traballo dos Living Labs, así como investigacións e novos desenvolvementos mediante a creación dunha rede de contactos e a participación nas presentacións. Destacaron a participación figuras como Dorothy Gordon, Presidenta do Programa “Información para Todos” da UNESCO e Eddy Hartog, Director Xeral de Sociedade Dixital, Confianza e Ciberseguridade, Mobilidade e Vida Intelixente da Comisión Europea. 

No evento realizáronse 20 workshops, presentáronse 37 research papers (traballos de investigación). A presentación de LABSAÚDE realizouse o día 2, mediante a exposición dun vídeo explicativo da rede e das posibilidades que ofrece o living lab de Ourense. O peche do congreso virtual foi a cargo do presidente da ENoLL, Fernando Vilariño quen agradeceu a a incorporación de LABSAÚDE como membro oficial da rede europea de living labs. 

Máis información sobre LABSAÚDE:
Na páxina web: https://labsaude.sergas.gal/
No correo electrónico: labsaude@sergas.es
No teléfono 981 555 103 da Axencia de Coñecemento en Saúde (extensión Unidade de Innovación).

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.