h1

Para dar soporte a estes axentes, contamos cunha Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, que presta servizos de apoio na execución de proxectos de saúde e na xestión dos seus resultados de investigación cando estes teñen potencial para ser transferidos á práctica asistencial e ao mercado.

 
Obxectivos. A estratexia de vertebración multicéntrica de ACIS pretende:

 

  • Ampliar o catálogo de servizos de apoio aos investigadores para a transferencia dos resultados.
  • Obter sinerxías e economías de escala para a execución de proxectos de alto impacto.
  • Compartir novas medidas de promoción da investigación.
 
Nestes contextos, a cooperación é especialmente estreita coas organizacións que xeran, xestionan e promoven a transferencia da investigación biosanitaria galega. Son salientables os vínculos cos tres institutos de investigación sanitaria e coas tres fundacións de investigación biomédica.
 
Carteira de servizos. As liñas de apoio á transferencia de ACIS desenvólvense dun xeito coordinado cos institutos e coas fundacións, incluíndo:

 

  1. Accións de comunicación e divulgación. ACIS traballa no establecemento dunha verdadeira cultura innovadora en todo o Sistema Público de Saúde de Galicia. A través dun modelo de xestión aberto e participativo de iniciativas innovadoras, favorece a participación de todos os profesionais sanitarios e a súa divulgación á sociedade galega. Neste sentido, a Axencia de Coñecemento en Saúde aposta por novos programas, eventos e actividades destinados a impulsar a innovación sanitaria en todo o sistema.
  2. Servizos técnicos especializados. En coordinación cos institutos e coas fundacións, ACIS deseña e executa as estratexias máis axeitadas de valorización de proxectos e ideas, sempre coa perspectiva da súa implantación na práctica sanitaria. ACIS traballa para ofrecer servizos técnicos especializados aos investigadores. Estes inclúen a asesoría de patentes, a vixilancia tecnolóxica, a asesoría legal, a valorización de tecnoloxías, a parte regulatoria e calquera outro aspecto necesario para acadar os obxectivos establecidos.
  3. Promoción da protección da propiedade intelectual. En colaboración coas fundacións galegas de investigación biomédica, ACIS traballa na implantación de boas prácticas para a identificación e xestión dos dereitos de propiedade intelectual e industrial. Isto inclúe a interlocución cos departamentos administrativos de ámbito autonómico con competencias na xestión de resultados e convenios de investigación.
  4. Explotación de resultados no mercado. Cando os resultados de investigación atopen un posible licenciatario, ACIS colaborará cos axentes do ecosistema de saúde con competencias en transferencia de tecnoloxía durante as etapas de negociación de contratos ou licencias con terceiros. Con isto procúrase un retorno xusto da explotación dos resultados de investigación, a xestión eficaz e a aplicación das normativas comunitarias e nacionais nestes eidos.
  5. Promoción do emprendemento innovador. No caso de que os resultados de investigación poidan dar orixe a unha empresa de base tecnolóxica, ACIS colaborará na súa creación. O apoio aos investigadores facilitará acordos de licencias para a posta en marcha da empresa, así como asesoramento para a aplicación de normativas estatais e autonómicas neste eido.
  6. Implantación na carteira de servizos asistenciais do Sergas. Cando unha tecnoloxía xerada no sistema poida ser incorporada ao catálogo de servizos do Sistema Público de Saúde de Galicia, ACIS traballará de xeito coordinado con todos os departamentos e axentes implicados para a súa áxil implantación. Preténdese así que os nosos investigadores e profesionais xeren innovacións que repercutan na calidade asistencial prestada polos profesionais e na saúde dos nosos pacientes.