Sanidade presenta a convocatoria de participación no Living Lab de Saúde de Vigo da rede LABSAÚDE


  • ​O Hospital Meixoeiro acollerá as instalación do novo Living Lab da rede LABSAÚDE
  • Na xornada presentouse a convocatoria para a participación neste Living Lab, no marco do proxecto europeo Innov4life no que a área sanitaria de Vigo do SERGAS xunto coa ACIS son socios. 
      
Vigo, 19 de setembro de 2025. - No día de hoxe tivo lugar a presentación do novo Living Lab de saúde de Vigo, evento organizado pola área sanitaria de Vigo do Servicio Galego de Saúde (SERGAS) xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). O evento no Hospital Meixoeiro, sede do futuro living lab centrado nas demencias e deterioro cognitivo, contou coa participación de numerosas empresas e demais axentes interesados, tanto de ámbito nacional como internacional.

Trala benvida aos asistentes por parte do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente e do xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa, presentouse o proxecto Innov4life coordinado pola Universidade de Oporto. A continuación,  o director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero, detallou en que consiste e como funcionará o Living Lab de Vigo; tamén ofreceu información sobre o convocatoria aberta para a participación no living lab e posibilidades que presenta para as entidades innovadoras. Logo das preguntas do público, tiveron lugar dúas mesas redondas, a primeira sobre  o reto das demencias e deterioro cognitivos e a segunda sobre a colaboración público-privada en materia sanitaria.

A primeira mesa contou cos investigadores Carlos Spuch (IISGS) e David Facal (IPsiUS), e coas doutoras Carmen Andrade e Águeda Rojo, da área de demencias e psicoxeriatría, respectivamente, da Área Sanitaria de Vigo do SERGAS, quen falaron sobre os seus papeis en relación co desafío que, nos próximos anos, vai supor o aumento das enfermidades neurodexenerativas para o ámbito asistencial e como se pode involucrar na busca de solucións innovadoras para facerlle fronte. Por outro banda, na segunda participaron Sara Alves, como representante do CIDIFAD, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez e Maxi Rodríguez, de AFAGA, e Luís Midão, da Universidade de Porto quen debateron sobre os Living Labs como mecanismo de innovación aberta que permite a colaboración proactiva das persoas usuarias e outros axentes interesados, co foco na saúde dixital e as formas de mellora do sistema sanitario. Pechou o acto Eva Poveda, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

Participación no living lab de saúde de Vigo

A convocatoria para participar no Living Lab de Vigo está aberta a entidades privadas con personalidade xurídica (sexan pemes, grandes empresas, start-ups ou empresas consolidadas), empresarios individuais, universidades públicas, organismos de investigación, centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación. O prazo para presentar propostas innovadoras rematará o vindeiro 20 de outubro. Para máis información, pode consultar o trámite correspondente na sede da Xunta de Galicia (código SA304F) ou na páxina web labsaude.sergas.gal​ 

O proxecto Innov4life no que está encadrado o living lab conta con socios galegos (Universidade de Santiago de Compostela, AFAGA, ACIS e SERGAS) e portugueses (UPTEC, Facultade de Farmacia da Universidade de Porto e Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave), e está  cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 cunha dotación global de 1,5 millóns de euros.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.