SERGAS e ACIS participan na sesión de matchmaking da “Future Health Conference” organizada pola Universidade de Porto no marco do proxecto transfronteirizo Innov4life


  • A Facultade de Farmacia e o Parque Tecnolóxico da Universidade de Porto acolleron, os días 7 e 8 de outubro, as xornadas da Future Health Conference, onde foron presentados os resultados do segundo ano do proxecto Innov4life.
  • Aproveitouse a presenza de todos os socios para levar a cabo a sexta reunión presencial do proxecto. 

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) asistiron á Future Health Conference, organizada pola Facultade de Farmacia e o Parque Tecnolóxico (UPTEC) da Universidade de Porto, os pasados días 7 e 8 de outubro. O evento, que reuniu a representantes da industria, academia, innovadores, profesionais sanitarios, responsables políticos, consultores e outros especialistas, tratou de afondar en temas actuais en materia de saúde dirixidos a todos os axentes da cuádrupla hélice, e especialmente, á industria e ao sector público. Así, debateuse sobre os retos do mercado europeo para as start-ups; sobre as tendencias na implantación de solucións dixitais de saúde, ou sobre o futuro da educación en saúde e coidados. Tamén se levou a cabo un evento de matchmaking no que se deron a coñecer proxectos e empresas e se facilitou a conexión entre os axentes interesados.

No marco da conferencia presentáronse os resultados do segundo ano de andadura do proxecto Innov4life, no que participan a ACIS e o SERGAS xunto con outros dous socios galegos - AFAGA Alzhéimer e a Universidade de Santiago de Compostela - e tres socios portugueses - a Universidade de Porto, a UPTEC e a Santa Casa da Misericórdia de Riba d’Ave (SCMRA)-. O INNOV4LIFE está avanzando na creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación colaborativa en saúde dixital, que se traducirá nunha rede de contactos en ambas as beiras da fronteira galaico-portuguesa para a investigación, valorización e transferencia de coñecemento. Neste pasado ano, fixéronse varios intercambios de investigadores entre Galicia e Portugal e leváronse a cabo estudos para a xeración de protocolos ou guías de innovación; para a determinación das prioridades en saúde dixital, percepción dos Living Labs e das súas barreiras ou facilitadores, e para determinar o grao de alfabetización en saúde e en saúde dixital da poboación xeral e dos profesionais. Tamén se ten configurado a estrutura da rede de Living Labs do proxecto, para o testeo de solucións innovadoras en saúde dixital, con sedes en Vigo (Hospital Meixoeiro) e Riba d’Ave (CIDIFAD) e se publicou a 1ª Convocatoria de apoios a empresas para cocrear ou pilotar os seus proxectos ou ideas nos Living Labs da rede.

A presenza de todos os socios en Porto foi aproveitada para levar a cabo a sexta reunión presencial do proxecto, na que se avaliou o traballo realizado nestes últimos meses e se fixou a folla de rota para o terceiro e último ano. Púxose a énfase nos apoios ás empresas e outras entidades innovadoras mediante a rede de Living Labs; en ampliar as investigacións realizadas sobre os protocolos para o uso daquela metodoloxía e guías para o proceso de innovación; en fornecer información e formación a todos os axentes, especialmente, en saúde dixital para profesionais, persoas con demencia e coidadores, e en emprendemento, para as empresas.

O proxecto Innov4life está cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg – Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, e conta cunha dotación global de 1,5 millóns de euros.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.