Reunión do consorcio do proxecto transfronteirizo Innov4life no marco do congreso “Future Health” celebrado en Porto (Portugal)

 

 

  • O evento constituíu unha oportunidade única de relacionarse con expertos e homólogos que forxan o futuro da industria.
  • No marco da conferencia, celebrouse a reunión dos socios do proxecto Innov4life.


Porto (Portugal), 10 de outubro de 2024.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) asistiron á Future Health Conference, celebrada en Oporto do 8 ao 10 de outubro, na que se explorou o potencial transformador das tecnoloxías emerxentes no sector sanitario. O evento serviu de punto de encontro para líderes da industria, innovadores, profesionais sanitarios, expertos en tecnoloxía e especialistas en educación.

No marco do evento, presentáronse os avances acadados no Proxecto Innov4life, na que participan ambas entidades galegas, e celebrouse a reunión presencial dos socios que conforman o partenariado para efectuar unha revisión e actualización do estado do proxecto, así como para definir as liñas de actuación futuras.

O proxecto INNOV4LIFE ten por obxectivo crear un Ecosistema Transfronteirizo de Innovación Colaborativa en Saúde Dixital na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así, aspira a implementar unha estrutura que facilite as validacións de novas solucións dixitais relacionadas coa saúde (no ámbito das demencias e deterioros cognitivos) mediante a xeración de protocolos adecuados, a investigación, a formación e, sobre todo, o establecemento dunha rede de Living Labs transfronteiriza que sirva ás dúas rexións para testar solucións de saúde dixitais en contornas reais.

INNOV4LIFE está a establecer un living lab transfronteirizo entre as rexións de Galicia e Norte de Portugal. Isto permitirá axudar a pechar a fenda entre os innovadores con tecnoloxías que necesitan ser validadas (unha fase crucial dun proceso de innovación) e os usuarios finais que forman parte do grupo demográfico aos que se dirixen estas solucións.

O proxecto INNOV4LIFE está  cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg – Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e conta cunha dotación global de 1,5 millóns de euros.

Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.