- A Santa Casa da Misericordia de Riba D’Ave fixo de anfitrión acollendo nas instalacións do CIDIFAD a cuarta reunión do proxecto.
- Na reunión expúxose o estado actual das actividades principais do proxecto, cun particular énfase na cuestión do Living Lab de Vigo, no tocante á ACIS.
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025.- O pasado venres, 28 de marzo, tivo lugar a cuarta reunión presencial de socios do proxecto Innov4life, no marco dunhas xornadas de traballo organizadas polo compoñente portugués do consorcio Santa Casa da Misericordia de Riba D’Ave (SCMRA), nas instalacións do CIDIFAD (Centro de Investigação, Diagnóstico, Formação e Acompanhamento das Demências), adscrito a ela. A ela acudiron representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), xunto co resto dos socios galegos (Universidade de Santiago de Compostela e Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer- AFAGA) e portugueses (Universidade de Porto e UPTEC – Parque de Tecnología e a propia Santa Casa da Misericordia de Riba D’Ave).
As xornadas contaron coa participación dos presidentes da Comisión Executiva da SCMRA, e do Consello de Administración da Unidade Local de Saúde do Alto Ave (Portugal), quen deron a benvida aos participantes e explicaron o funcionamento das súas institucións, e de investigadoras da Fundación Intras e da Universidade de Aveiro, e empresarios locais, que presentaron os seus respectivos proxectos relacionados coa innovación.
Tras unha visita ás modernas instalacións do CIDIFAD, os socios realizaron a súa reunión na que discutiron os avances do proxecto INNOV4LIFE, e estableceron os próximos pasos a seguir ao abeiro del. Especial interese tiveron os puntos relativos á situación do novo Living Lab transfronteirizo que se establecerá na área sanitaria de Vigo e o seu homólogo do CIDIFAD, así como a próxima convocatoria para a participación no Living Lab, a través da Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE).
O Innov4life ten por obxectivo crear un Ecosistema Transfronteirizo de Innovación Colaborativa en Saúde Dixital na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante a xeración de protocolos adecuados, a investigación, a formación e, sobre todo, o establecemento dunha rede de Living Labs transfronteiriza que sirva ás dúas rexións para testar solucións de saúde dixitais en contornas reais.
O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg – Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e conta cunha dotación global de 1,5 millóns de euros.