Vigo, 25 de setembro 2024.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) participaron hoxe, na xornada de Portas Abertas que realizou AFAGA na súa sede de Vigo, dentro das actividades do “Cooperation Day Interreg”. Alí presentouse ante posibles axentes, persoas usuarias e público interesado, o proxecto INNOV4LIFE, do que as tres entidades son socias, xunto coa USC, a Universidade de Porto, o Parque de Ciéncia e Tecnología da UPorto e a Santa Casa da Misericórdia de Riba d’Ave.
O proxecto INNOV4LIFE ten por obxectivo crear un Ecosistema Transfronteirizo de Innovación Colaborativa en Saúde Dixital na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así, aspira a implementar unha estrutura que facilite as validacións de novas solucións dixitais relacionadas coa saúde (no ámbito das demencias e deterioros cognitivos) mediante a xeración de protocolos adecuados, a investigación, a formación e, sobre todo, o establecemento dunha rede de Living Labs transfronteiriza que sirva ás dúas rexións para testar solucións de saúde dixitais en contornas reais.
INNOV4LIFE está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.