- A xornada reuniu profesionais sanitarios, investigadores e representantes de entidades de Galicia e do norte de Portugal para intercambiar boas prácticas na atención sociosanitaria.
- O encontro permitiu compartir experiencias sobre prevención de riscos laborais, coñecer o primeiro prototipo de exoesqueleto desenvolvido no marco do proxecto e avanzar na cooperación transfronteiriza.
Vigo, 22 de outubro de 2026.- A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) participou no taller transfronteirizo de intercambio de boas prácticas organizado no marco do proxecto europeo EXOCARE, celebrado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O encontro reuniu profesionais do ámbito sanitario e sociosanitario, persoal investigador e representantes das entidades socias de Galicia e do norte de Portugal co obxectivo de compartir coñecementos e experiencias sobre a mobilización segura de pacientes e a prevención de lesións musculoesqueléticas entre o persoal coidador.
Na inauguración institucional participou a subdirectora de humanización, calidade e atención á cidadanía da Área Sanitaria de Lugo, Pilar Rodríguez Ledo, o director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, José María Romero, e en calidade de anfitrión, o subdirector de calidade e atención á cidadanía da Área sanitaria de Vigo, Francisco Jesús Represas.
A participación de ACIS nesta iniciativa enmárcase no impulso á innovación sanitaria e á colaboración entre entidades do ámbito asistencial, académico e tecnolóxico para favorecer o desenvolvemento de solucións que contribúan a mellorar as condicións de traballo dos profesionais e a seguridade na atención ás persoas.
Intercambio de boas prácticas e demostracións de mobilización segura
Ao longo da xornada presentáronse diferentes experiencias recollidas no catálogo de boas prácticas sobre mobilización segura de pacientes, abordadas desde tres perspectivas complementarias: a atención hospitalaria, a asistencia sociosanitaria en residencias de Portugal e a atención xeriátrica.
O programa incluíu tamén un taller práctico baseado no método DOTTE, no que profesionais sanitarios realizaron demostracións de diferentes técnicas de mobilización e transferencia de pacientes, tanto con dependencia total como parcial.
Durante esta actividade analizáronse aspectos relacionados coa hixiene postural, a coordinación dos movementos e o emprego de axudas mecánicas para reducir os riscos asociados á mobilización de persoas dependentes.
Un dos momentos destacados do encontro foi a presentación do primeiro prototipo de exoesqueleto desenvolvido no marco do proxecto EXOCARE, a cargo de Florian Guy Bernard Michaud, investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica de Ferrol da Universidade da Coruña.
Cooperación entre Galicia e o norte de Portugal
A sesión da tarde estivo dedicada ao traballo conxunto entre as entidades participantes de Galicia e do norte de Portugal, co propósito de identificar, contrastar e priorizar boas prácticas que poidan trasladarse a diferentes centros e servizos asistenciais.
Entre as principais conclusións destacou a necesidade de reforzar a formación específica do persoal sanitario e sociosanitario en técnicas de mobilización segura, así como de incorporar novos recursos didácticos ao catálogo de boas prácticas, como vídeos demostrativos, infografías e recomendacións sobre exercicios de preparación física e pausas activas.
As persoas participantes tamén puxeron de manifesto o interese de continuar avanzando no desenvolvemento de exoesqueletos adaptados ás necesidades do persoal coidador, como ferramenta de apoio para contribuír á prevención de lesións musculoesqueléticas.
Neste contexto, o proxecto prevé iniciar a principios de 2027 as tarefas de validación dos prototipos e avaliación de riscos tanto en Galicia como no norte de Portugal.