- O proxecto está formado polo SERGAS e a ACIS xunto co principal centro oncolóxico portugués, o IPO Porto, cun orzamento de 1,96 M€, cofinanciados con fondos europeos durante 3 anos
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou que o Proxecto Equio impulsará a primeira rede transfronteiriza integral de atención ao cancro, conectando centros, profesionais e recursos de Galicia e do Norte de Portugal para optimizar o acceso á mellor asistencia oncolóxica.
O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu esta mañá na presentación desta iniciativa que a Consellería de Sanidade e o principal centro oncolóxico portugués, o IPO Porto, desenvolverán ao longo de tres anos cun investimento de 1,96 M €, cofinanciado con fondos europeos a través do programa de cooperación Interreg España-Portugal POCTEP 2021-2027.
A presentación contou coa presenza das autoridades do Instituto Portugués de Oncoloxía de Porto e responsables da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismos que asumen o liderado desta iniciativa.
Tal e como detallou o conselleiro, Equio nace co propósito de reducir as desigualdades no acceso á atención oncolóxica nas zonas fronteirizas entre España e Portugal, mediante accións concretas e transformadoras.
Cancro de pulmón e colorrectal
Este proxecto, remarcou Gómez Caamaño, terá un impacto real na vida das persoas, facilitando o seu acceso a técnicas avanzadas, mellorando a continuidade asistencial e permitindo ofrecer respostas máis rápidas e precisas.
A tal efecto, desenvolveranse protocolos clínicos comúns e rutas asistenciais compartidas no cancro de pulmón e no colorrectal. Ademais, impulsarase a medicina personalizada e os diagnósticos avanzados, incorporando técnicas moleculares que permitan adaptar os tratamentos ao perfil de cada paciente.
No marco de Equio, deseñarase e poñerase en marcha un proxecto piloto común para realizar unha análise molecular destinada aos pacientes con cancro avanzado metastático sen alternativa terapéutica nos protocolos habituais, estimando chegar a unhas 500 persoas en tres anos.
Ademais, esta rede transfronteiriza reforzarase coa formación continua dos profesionais e co uso de tecnoloxías que faciliten o intercambio seguro de información clínica.
Gómez Caamaño incidiu na colaboración que xa está a dar resultados na Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal, con proxectos como New Healt no campo oncolóxico e cardiovascular, ou Tranfire-Saúde na procura de solucións innovadoras no eido sanitario.
Tamén destacou o conselleiro o papel da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), polo labor no impulso de proxectos innovadores como Equio, cos que Galicia se consolida na vangarda da innovación sanitaria.
Galicia na vangarda no tratamento do cancro
Na súa intervención no acto, Gómez Caamaño puxo en valor o impulso da Xunta a infraestruturas estratéxicas que sitúa a comunidade na vangarda no tratamento do cancro, como é o caso do Centro de Protonterapia de Galicia, o primeiro en ofrecer este tratamento na sanidade pública. Este centro acollerá a pacientes do Norte de Portugal, o que, para o titular de Sanidade, responde á convicción clara de que a saúde é un ámbito no que as fronteiras deben perder relevancia e no que a cooperación debe gañar protagonismo.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro amosouse convencido de que o Proxecto Equio converterase nun referente a nivel europeo.