Galicia xunto coa rexión do Porto logra unha das iniciativas de irmandamento no campo do envellecemento activo e saudable financiadas pola Comisión Europea

  • A través deste irmandamento compartirase o funcionamento da rede galega de living labs -LABSAÚDE- coa posta en marcha do primeiro living lab no Hospital Universitario de Ourense.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021.- Galicia acadou, xunto coa rexión de Porto (Portugal), unha iniciativas de irmandade da iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing EIP on AHA (coñecido como “Twinnings”), que financia a Comisión Europea, e que serven para levar a cabo actividades de intercambio de coñecementos.

Os proxectos de irmandade promovidos céntranse no eido do envellecemento activo e saudable. No caso concreto de Galicia fixo a solicitude para traballar xunto coa rexión de Porto. A súa colaboración basearase no intercambio de coñecemento no eido dos living labs en saúde. Así, os irmáns de Portugal poderán comprobar o funcionamento do living lab de saúde do Hospital Universitario de Ourense do Servizo Galego de Saúde.

Grazas á iniciativa Twinnings o grupo de traballo formado por Galicia e Porto levarán a cabo accións conxuntas, reunións e transferencia de coñecemento en torno aos living labs de saúde.

LABSAÚDE – Rede de living labs de saúde de Galicia

A participación dos usuarios no proceso de innovación favorece o desenvolvemento de bens e servizos máis acorde ás súas necesidades. Os Living Lab constitúen unha aproximación á innovación aberta impulsada polos usuarios, creando unha contorna para a co-creación e experimentación coa activa participación dos usuarios desde etapas temperás do ciclo de innovación.

Con este obxectivo, o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha a Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE), comezando a súa andaina a través do Living Lab de Ourense. LABSAÚDE xorde como mecanismo facilitador para a creación e posta en marcha de proxectos innovadores nunha contorna no que interactúan múltiples axentes, para dar resposta a necesidades reais detectadas en Sistema de Saúde de Galicia.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.