Galicia e Portugal avanzan na cooperación sanitaria transfronteiriza para mellorar a atención ás persoas con cancro a través do proxecto EQUIO

​

  • O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolleu unha reunión de traballo das entidades socias do proxecto europeo EQUIO para impulsar a mellora dos protocolos asistenciais, a medicina de precisión e a formación dos profesionais sanitarios.
  • A iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, busca promover unha atención oncolóxica máis equitativa e coordinada a ambos os lados da fronteira.

Vigo, 13 de novembro de 2026. O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolleu unha nova xornada de traballo do proxecto europeo EQUIO (Equidade Oncolóxica Transfronteiriza), na que participaron profesionais e representantes das entidades socias de Galicia e Portugal co obxectivo de avanzar nas actuacións previstas para mellorar a atención sanitaria ás persoas con cancro no espazo transfronteirizo.

A reunión permitiu abordar diferentes liñas estratéxicas do proxecto, centradas na mellora dos protocolos asistenciais, na incorporación da medicina de precisión ao diagnóstico e tratamento do cancro e no fortalecemento das competencias dos profesionais sanitarios.

Durante a xornada celebráronse reunións simultáneas dos grupos de traballo responsables destas áreas, así como encontros de seguimento financeiro e coordinación do proxecto.

Mellora dos protocolos asistenciais e da continuidade da atención oncolóxica

Un dos principais ámbitos de traballo foi a mellora dos protocolos asistenciais no tratamento dos procesos oncolóxicos e o desenvolvemento de itinerarios asistenciais transfronteirizos (patient pathways).

Este grupo de traballo, liderado polo Instituto Português de Oncologia do Porto (IPO Porto), abordou propostas para avanzar no desenvolvemento de ferramentas e procedementos que favorezan unha atención máis coordinada entre os sistemas sanitarios de Galicia e Portugal.

O obxectivo desta liña de actuación é contribuír a mellorar a continuidade asistencial e facilitar unha resposta sanitaria máis integrada ás necesidades dos pacientes oncolóxicos.

Impulso da medicina de precisión no diagnóstico e tratamento do cancro

A medicina de precisión constituíu outro dos eixes centrais da xornada. O grupo de traballo liderado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) analizou as propostas para avanzar na selección de paneis de diagnóstico molecular e no deseño de proxectos piloto dirixidos a pacientes con cancro avanzado.

Estas actuacións enmárcanse no obxectivo de mellorar a aplicación da medicina de precisión, favorecendo o desenvolvemento de estratexias diagnósticas e terapéuticas adaptadas ás características moleculares dos tumores.

A cooperación entre os equipos clínicos e científicos de ambos os territorios constitúe un elemento fundamental para avanzar cara a unha atención oncolóxica máis personalizada.

Formación e capacitación dos profesionais sanitarios

A formación continua dos profesionais sanitarios foi outro dos asuntos destacados da reunión. O grupo de traballo liderado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) abordou a planificación dun programa de formación continua en oncoloxía, así como a organización de obradoiros internacionais destinados a favorecer o intercambio de coñecementos e experiencias entre profesionais de Galicia e Portugal.

Esta liña de actuación pretende reforzar as competencias dos equipos sanitarios implicados na atención oncolóxica, promovendo a actualización de coñecementos e a colaboración entre institucións de ambos os lados da fronteira.

A capacitación profesional representa un dos piares do proxecto EQUIO para contribuír a unha atención sanitaria de calidade e favorecer a incorporación de novos coñecementos e avances científicos á práctica asistencial.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.