- O proxecto xurdiu da necesidade de buscar unha solución integral para a xestión da investigación clínica e a súa interconexión coa actividade asistencial no sistema público galego.
- Durante o acto tivo lugar a cesión dos dous prototipos desenvolvidos pola empresas adxudicatarias, así como a presentación das solucións acadadas coa presenza do Secretario Xeral do CDTI, D. Francisco Javier Pérez Torrijos
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025.- O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu durante a mañá de hoxe, o acto de cesión dos dous prototipos de plataformas tecnolóxicas para a xestión dos ensaios e estudos clínicos desenvolvidos no marco do proxecto INNOVATRIAL. A cesión correu a cargo do Secretario Xeral do CDTI, Francisco Javier Pérez Torrijos, e do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen agradeceu a todos os participantes no proxecto dos distintos organismos implicados o seu esforzo e compromiso.
A Xornada comezou cunha benvida e explicación do proxecto INNOVATRIAL a cargo da responsable da oficina de Compra Pública Innovadora do CDTI, Ana Isabel Rodríguez Belda xunto cos coordinadores do proxecto por parte do sistema público galego, Javier Quiles, director de sistemas e tecnoloxías da información do SERGAS e José María Romero, director da área de desenvolvemento en innovación da ACIS.
O proxecto contou cun orzamento de 12 M euros financiado polos fondos Next Generation EU do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR). INNOVATRIAL foi desenvolvido a través dun convenio de colaboración entre o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e o Servizo Galego de Saúde, establecendo unha colaboración activa nun proceso de contratación pública precomercial (CPP) catalítica para lograr mediante a contratación de servizos de I+D+i abarcar o reto de lograr unha solución tecnolóxica integral para a xestión dos ensaios e estudos clínicos do sistema público galego.
As empresas encargadas do deseño e desenvolvemento dos dous prototipos de plataformas tecnolóxicas foron NTT Data Spain, S.L.U., e IQVIA Information, SA, quenes agradeceron a complicidade e a implicación de tódolos actores involucrados na execución deste proxecto e que son cedidas ao Servizo Galego de Saúde, como administración usuaria, coa finalidade de continuar realizando traballos de verificación pre-operacional, validación e probas nunha contorna real para a súa implantación definitiva.
A Compra Pública Precomercial (CPP) desenvólvese a través dun procedemento competitivo en fases. Concretamente, este proxecto contou cunha primeira fase de deseño das posibles solucións tecnolóxicas, a segunda de desenvolvemento do deseño proposto e fabricación dos prototipos e finalmente, levouse a cabo a verificación pre-operacional dos mesmos nos tres institutos de investigación galegos.
Os obxectivos do proxecto foron a procura de solucións innovadoras que sirvan como ferramenta de apoio á xestión de todo o proceso dos ensaios e estudos clínicos de investigación biomédica e o desenvolvemento dunha plataforma para iso, entre cuxas funcións principais definíronse as seguintes: control económico, control do proceso investigador, seguimento de pacientes en ensaios clínicos e acceso a información clínica da poboación diana, análise dos datos, banco de datos para a investigación, subsistema de apoio á investigación (mediante técnicas de IA), xestor dinámico de integración con outros sistemas e sistema de apoio ao participante en estudos de investigación.
O peche do acto público correu a cargo da directora de Certificación e Compra Pública Innovación do CDTI, Vega Gil Díaz, e do xerentes do SERGAS, José Ramón Parada e da ACIS, Antonio Fernández-Campa.
VISITA INSTITUCIONAL AO INSTITUTO DE INVESTIGACIÓN SANITARIA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (IDIS)
Unha vez rematado o acto, os representantes do CDTI mantiveron un encontro nas instalacións do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Recibidos polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio, da Directora Científica do IDIS, Luz Couce, e da directora da Fundación IDIS, Isabel Lista, mantiveron un encontro con traballadores e investigadores do instituto implicados na validación dos prototipos para compartir impresións sobre as plataformas desenvolvidas.