- Trátase dun proxecto coordinado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), dentro do espazo Interreg Europe, centrado na medicina personalizada que fomenta un envellecemento activo e saudable da poboación.
- O proxecto conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros e 7 rexións socias, e catro anos e medio de duración.
Wroclaw (Polonia), 12 de xuño de 2024.- Representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) asisten en Polonia durante os días 11 e 12 ao primeiro dos cinco encontros previstos no marco do proxecto Interreg Europe HERCULES para compartir boas prácticas no eido da medicina personalizada centrada no envellecemento activo e saudable.
A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde como líder do proxecto, conta coa colaboración e participación de diversos socios europeos para alcanzar as metas propostas de ata 6 países: Universidade de Twente (Países Baixos), Fondo de Desenvolvemento Rexional de Ática (Grecia), Municipio de Aarhus (Dinamarca), Rexión Västerbotten (Suecia), Rexión Emilia – Romaña (Italia), e Hospital St Jadwiga de Silesia en Trzebnica (Polonia).
En 2019, máis da quinta parte da poboación da Unión Europea tiña 65 anos ou máis, e as proxeccións indican que a porcentaxe de persoas de 80 ou máis anos multiplicaranse por dous. Por outra banda, a crise da Covid-19 amosounos a importancia das innovacións que sen dúbida poderán axudar ao ineludible proceso de transformación dos sistemas de saúde nun proceso máis proactivo, preventivo e personalizado.
O proxecto HERCULES pretende desenvolver un plan estratéxico a nivel europeo para o despregamento na contorna sanitaria de solucións que aborden esta temática, baseado nunha análise das vulnerabilidades, recursos e capacidades das rexións implicadas. Buscarase a participación de tódolos axentes da quíntupla hélice (cidadáns, autoridades rexionais, empresas, inversores e academia).
No encontro os puideron compartir a situación actual en cada unha das rexións participantes no proxecto, as fortalezas e ámbitos de mellora como paso previo para identificar boas prácticas a compartir. O anfitrión, a rexión socia de Wroclaw liderada polo Hospital Saint Jadwiga Slaska e a rexión de Trzebnica, aproveitaron o encontro para recorrer e coñecer os plans do citado hospital e rexión autónoma así como os plans no eido da saúde do Parque Tecnolóxico e do LifeScience HUB da rexión.
REFERENTES EN INNOVACIÓN EUROPEA E ENVELLECEMENTO ACTIVO E SAUDABLE
Galicia é referente europeo pola Comisión Europea no desenvolvemento e adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable dende 2023 logrando en 2019 o máximo galardón de 4 estrelas e revalidando o máximo resultado na última edición de 2022. HERCULES continúa a longa traxectoria de proxectos europeos de innovación no eido da saúde. Actualmente están en marcha xunto co proxecto HERCULES cinco proxectos europeos cun orzamento que superan os 25 millóns de euros: PROCURE4HEALTH para a creación dunha rede europea de compra pública de innovación en saúde (5 M. €); CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M. €); INVEST4HEALTH que procura novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios (5,5 M. €); INNOV4LIFE para a creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación colaborativa en saúde (2,3 M. €); e TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i eurorexional en saúde (2,5 M. €).