Servizos do Living Lab

O persoal dedicado no Living Lab levará a cabo, conxuntamente coas entidades seleccionadas, diferentes tipos de actividades, conducidas mediante dinámicas de innovación para evolucionar prototipos e produtos innovadores e establecerá valoracións obxectivas dos resultados dos proxectos con criterios socio-ergonómicos, socio-cognitivos e socio-económicos para diminuír o risco de fracaso de aceptación do produto no mercado.

Ademais das accións xerais de comunicación e difusión dos proxectos, traballará na xeración de relacións entre os diferentes axentes e usuarios, promovendo a colaboración sobre as distintas liñas de investigación identificadas, maximizando as sinerxias en beneficio dos resultados esperados.

Para iso, no marco do Living Lab de Ourense establécense seis grandes liñas de traballo en que se poñerán os esforzos á hora de desenvolver os proxectos para garantir unha prestación de servizos eficiente e de valor ás entidades que participen no Living Lab:

  • Co-creación: contorna propicia para o co-deseño e co-produción con usuarios finais (profesionais, pacientes e coidadores).
  • Validación nunha contorna real das solucións ou de simulación: contorna hospitalaria e de atención primaria real con usuarios finais para a validación de produtos e/ou servizos innovadores. No marco do Living Lab proporcionarase, ademais, o recrutamento de usuarios finais e o acceso a datos sanitarios necesarios para a validación de produtos e/ou servizos innovadores, asegurando o cumprimento da lexislación de regulación de protección de datos vixente.
  • Avaliación dos resultados: avaliación dos resultados referentes a eficacia, efectividade seguridade e eficiencia, así como o seu impacto a nivel sanitario, organizativo, económico e social.
  • Difusión dos resultados: difusión dos resultados das iniciativas levadas a cabo no espazo do Living Lab tanto a nivel interno como externo.
  • Formación de profesionais sanitarios: garantir a formación dos profesionais nas liñas de traballo asistenciais e/ou tecnolóxicas testadas no Living Lab.
  • Certificado de participación: os proxectos desenvolvidos no Living Lab serán recoñecidos polo Servizo de Saúde a través dun certificado de participación, logo da avaliación do traballo realizado.
Envía a túa solicitude

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.