- CIRCE-JA ten como obxectivo a transferencia e implementación de seis boas prácticas de atención primaria de Bélxica, España, Portugal e Eslovenia a un total de 40 rexións implementadoras.
- O sistema de telemonitorización do SERGAS, TELEA, foi seleccionado polas áreas sanitarias de Alexandría e Módena (Italia) e a rexión sueca de Norrbotten, onde se están desenvolvendo experiencias piloto.
Heraklión (Grecia), 24 de xuño 2025.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) representada pola Director da área de Desenvolvemento e Innovación, José María Romero, e a técnica do proxecto CIRCE, Carmen Orosa; xunto co Servizo Galego de Saúde (SERGAS), representado pola Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación a través do seu técnico do proxecto Javier de la Cruz, participaron na reunión presencial da acción conxunta europea CIRCE-JA en Heraklion (Grecia).
O evento, celebrado os días 23 e 24 de xuño, foi organizado polos representantes da Administración da 7ª Rexión Sanitaria de Creta (7HRC), líderes das actividades de avaliación desta acción. A reunión centrouse en definir os métodos e procedementos comúns para avaliar o progreso e os resultados do proxecto (enfoque formativo e sumativo). Ademais, os asistentes analizaron o impacto da acción no contexto europeo e debatido sobre as leccións aprendidas.
A primeira sesión comezou coa benvida por parte dos representantes da Administración da 7ª Rexión Sanitaria de Creta (7HRC) e da Universidade de Creta, quen presentou os obxectivos da reunión, os resultados esperados e as actividades realizadas nos últimos meses.
Así mesmo, os representantes de ambas as entidades expuxeron a metodoloxía e os indicadores desenvoltos para analizar os resultados da acción conxunta e a calidade da implementación do proxecto.
A continuación, os compañeiros do Servizo Andaluz de Saúde (SAS), responsables do paquete de traballo sobre o "Proceso de transferencia e implementación", expuxeron o sistema deseñado para validar a transferencia e implementación das boas prácticas orixinais nos seus novos contextos.
Neste marco, SERGAS e ACIS presentaron a indicadores clave de rendemento (KPIs) asociados á telemonitorización, así como os requisitos fundamentais que definen a boa práctica orixinal. Estes requisitos deben ser cumpridos polos pilotos para acreditar que lograron implementar con éxito a telemonitorización nos seus respectivos sistemas de saúde.
Durante a segunda xornada, os anfitrións abriron un espazo de debate centrado nos obxectivos e desafíos asociados á avaliación do proxecto, incorporando as achegas do resto dos socios. Para concluír, expuxeron as actividades previstas para os próximos meses e realizaron un repaso dos temas máis relevantes tratados ao longo do evento.
Esta reunión presencial contribuiu a fortalecer a coordinación entre os socios do proxecto e os líderes das distintas actividades que integran a acción conxunta. Así mesmo, establecéronse as bases e o calendario de traballo para os próximos meses, co obxectivo de levar a cabo unha avaliación rigorosa da transferencia e implementación das seis boas prácticas nos sistemas sanitarios das rexións piloto.