Sanidade celebra a cuarta edición dos Premios de innovación en saúde do sistema público de Galicia

 

  • O evento desenvolveuse de xeito presencial dende o Salón de Actos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol a cargo do Nodo de innovación da área sanitaria de Ferrol e coa colaboración da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde
 
Ferrol, 5 de xuño de 2024.- O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acolleu a celebración do acto de entrega da IV edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia. O acto estivo dirixido polo xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa e contou coa asistencia da Secretaria Xeral, Natalia Lobato Mosquera en representación da Consellería de sanidade xunto co saúdo por vídeo do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; e tamén da xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente como anfitrións do evento.
 
A xornada comezou cunha conferencia inaugural a cargo de José Carmelo Albillos Merino, xefe do servizo de radiodiagnóstico no Hospital 12 de outubro de Madrid. A continuación celebrouse unha mesa redonda sobre o ecosistema da innovación galega, moderada polo subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información e coordinador do nodo de innovación da área de Ferrol Javier Quiles del Río, na que participaron Benigno Rosón Calvo, Subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Ana Isabel  Ares Pernas, Vicerrectora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e Marcelino Mosquera Pena, responsable da Unidade de Coidados Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
 
A cuarta edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia volveu ter unha gran acollida, xa que se presentaron un total de sesenta e oito candidaturas, das que resultaron dez finalistas, cinco na modalidade de idea de pacientes e outras cinco na modalidade de idea de profesionais.
 
Como na edición anterior, outorgáronse dous premios (primeiro e segundo) en cada unha das modalidades. Na modalidade de pacientes, a gañadora foi a proposta presentada por Alberto Ruibal Ojea “Asistente Crohn: teu aliado na túa loita diaria”, que ten como obxectivo adquirir unha maior capacidade de autoxestión e autocoñecemento das persoas que padecen a enfermidade de Crohn. O encargado de recoller o galardón foi o propio autor do proxecto.
 
O segundo premio da modalidade de pacientes recaeu sobre o proxecto “Programa de facilitación ó acceso á consulta xinecolóxica para mulleres con TEA”, presentado por ASPANAES, cuxa finalidade é favorecer que as mulleres cun trastorno do espectro autista podan acceder ao coidado e vixilancia xinecolóxica igual que o resto das mulleres da sociedade. Recolleu o premio o seu presidente, Ignacio Labella Lozano.
 
As outras tres candidaturas finalistas desta modalidade foron as propostas “Servizos sociosanitarios de proximidade” presentada pola Federación Galega de Dano Cerebral - FEGADACE; “Atención terapéutica a persoas con consciencia propia do diagnóstico de Alzhéimer”, proposta pola Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia - AFAGA, e “Protocolo para a atención sanitaria no proceso de envellecemento das persoas coa S. Down e DI”, presentada pola Federación Down Galicia.
 
Con respecto a modalidade de profesionais, o gañador desta edición foi o “Proxecto VidAped: Videoconferencia na consulta preAnestésica Pediátrica”, presentado por María Doniz Campos, Mª Jesús Fernández Cebrián e Rafael Pita-Romero Caamaño que propón a utilización de novos recursos como a videoconferencia para mellorar a prestación de servizos, comezando por doentes pediátricos con diversidade funcional.
 
O segundo premio recaeu na proposta “Cronicidade360: unha ferramenta de saúde en base a IA”, presentado polo equipo formado por Mónica Martínez García, José Álvaro Fernández Rial, Juan Carlos Piñeiro Fernández e Roi Suárez Gil. O proxecto proposto é unha ferramenta dixital interactiva para control asistencial domiciliario que fusiona a perspectiva do paciente coa intelixencia artificial para anticipar e detectar descompensacións segundo os resultados en saúde en pacientes crónicos complexos.
 
As outras tres ideas que resultaron finalistas foron as seguintes: “ADTO: Administración Domiciliaria de Tratamentos Oncolóxicos”, presentada polo equipo formado por Sonia González Costas, Martín Emilio Lázaro Quintela, Luis Amador Barciela e Noemí Martínez López de Castro; “Escola de mama”, cuxos autores son Bibiana Villamayor Blanco, María José Misa Agustiño, Laura Cervelo Mourullo e Tania Antelo García;  e “Rexistro e seguimento TELEA para os pacientes con DCA (Dano Cerebral Adquirido)”, proposta por Jacobo Formigo Couceiro, Rosa Martín Mourelle, Miguel Alonso Bidegain e María Blanca Cimadevila Álvarez.
 
A clausura do acto correu a cargo da Secretaria Xeral da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, quen felicitou aos galardoados, resaltando a importancia de seguir achegando ideas innovadoras e participando nas vindeiras edicións destes premios cuxa organización correrá a cargo do Nodo de innovación de Vigo, a fin de mellorar a calidade da atención sanitaria pública da nosa comunidade.

 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.