- Sanidade recibe ás delegacións de Alexandría e Módena no marco do proxecto europeo CIRCE, co obxectivo de afondar no modelo galego de teleasistencia domiciliaria e garantir a súa correcta implantación nestas áreas sanitarias.
- Esta acción conxunta impulsa a transferencia de boas prácticas en atención primaria cara a outras rexións europeas.
Santiago de Compostela, a 9 de octubre de 2025.- O Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) celebraron unha xornada de intercambio e aprendizaxe con delegacións italianas de Alexandría e Módena, no marco do proxecto europeo CIRCE (Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care).
A iniciativa, financiada pola Unión Europea con máis de 12 millóns de euros, ten como finalidade transferir e implementar boas prácticas en atención primaria entre diferentes países europeos.
O encontro, celebrado no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, centrouse en afondar no modelo galego de teleasistencia, reforzando a aprendizaxe técnica dos profesionais italianos que están a implantar este sistema nos seus respectivos servizos de saúde.
A xornada foi inaugurada por Alicia Piñeiro Redondo, Subdirectora xeral de Integración Asistencial e Innovación do SERGAS, e José María Romero, Director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, quenes destacaron o compromiso do sistema sanitario galego coa adopción de solucións innovadoras.
A continuación, Fernando Santos Guerra, da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, explicou os aspectos técnicos da plataforma de teleasistencia domiciliaria TELEA. Pola súa parte, Mónica Martínez García, Xefa da Unidade de Procesos de Enfermaría, abordou o teleseguimento desde a perspectiva asistencial, subliñando o enfoque centrado no paciente e a integración entre a atención hospitalaria e a comunitaria.
O Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e o Xerente do SERGAS, José Ramón Parada Jorgal, realizaron o saúdo institucional no que subliñaron a relevancia da colaboración internacional para facer fronte aos desafíos actuais no ámbito da cronicidade e da transformación dixital dos sistemas sanitarios.
A sesión continuou coa exposición de Javier García Seara e Pilar Mazón Ramos, especialistas do Servizo de Cardioloxía, que presentaron os resultados e beneficios clínicos do sistema TELEA, incluíndo a súa integración coa e-consulta e co Hospital de Día. Os asistentes realizaron tamén unha visita á Consulta de Marcapasos e ao Hospital de Día, onde puideron observar a aplicación práctica da teleasistencia na rutina clínica diaria.
Pola tarde, a delegación desprazouse ao Centro de Saúde do Milladoiro, onde a Xefa de servizo Magdalena Seco Otero, o médico de familia Alfonso Alonso Fachado e a coordinadora do centro Lorena Piñeiro Puente amosaron o uso de TELEA en atención primaria, subliñando a coordinación entre niveis asistenciais e a personalización do seguimento de pacientes crónicos.
O encontro permitiu resolver dúbidas técnicas, intercambiar experiencias e consolidar o compromiso do SERGAS e da ACIS coa innovación, posicionando o modelo galego de teleasistencia domiciliaria como referente europeo na transformación dixital dos sistemas sanitarios, desde un enfoque integrado, innovador e centrado no paciente.