MOBILISING NEW FINANCIAL APPROACHES FOR EQUITABLE HEALTH AND WELLBEING
Conferencia Final proxecto Invest4Health
28 maio 2026, Comité Europeo das Rexións - Bruxelas (Bélxica)
Invest4Health
A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) forma parte do proxecto europeo Invest4Health, que busca transformar a maneira en que se financia a promoción da saúde e a prevención de enfermidades. Este proxecto enmárcase nas accións de investigación e innovación (RIA) de Horizonte Europa, promovendo sistemas sanitarios innovadores, sostibles e de calidade.
A través de modelos innovadores de inversión, o proxecto demostra que a prevención non é só un gasto, senón unha oportunidade de inversión sostible para mellorar a saúde da poboación. Galicia participa como un dos catro pilotos europeos, contribuíndo na definición de necesidades, validación de enfoques e comunicación de resultados.
En concreto, o piloto galego céntrase nunha iniciativa de telemedicina para pacientes con fibrose quística. Este programa pretende equipar aos pacientes con dispositivos de monitorización domiciliaria conectados aos seus historiais médicos dixitais, permitindo un seguimento continuo e reducindo a necesidade de visitas ao hospital. ACIS, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Asociación Galega de Fibrose Quística colaboran para formar a pacientes e profesionais, supervisar a atención e garantir o acceso á tecnoloxía. O piloto busca mellorar o acceso á atención sanitaria, apoderar aos pacientes e reducir a sobrecarga do sistema sanitario, xerando experiencia útil para ampliar o uso da telemedicina a outros pacientes e contornas.
Conferencia Final proxecto Invest4Health
O evento de peche de Invest4Health celebrarase o próximo 28 de maio de 2026 en Bruxelas. Está deseñado como un evento de mobilización e transición, co obxectivo de levar os resultados do proxecto á práctica, fomentar novas asociacións e explorar vías para escalar os modelos de inversión en prevención e promoción da saúde.
Durante a xornada presentaranse os resultados dos pilotos rexionais, incluíndo iniciativas como programas de saúde mental xuvenil, solucións de telemedicina, promoción da saúde no lugar de traballo e modelos de prescrición social. Estas experiencias prácticas xerarán evidencia sobre as condicións habilitadoras, gobernanza e combinacións de financiamento que apoian a prevención efectiva e equitativa.
O evento contará coa participación de institucións europeas, autoridades nacionais e rexionais, organizacións financeiras, investidores, socios comunitarios e expertos académicos, e servirá para consolidar ferramentas e coñecementos transferibles que demostran que o enfoque de Smart Capacitating Investment (SCI) é operativo e escalable.
Ademais, lanzarase un White Paper (informe técnico) elaborado xunto á asociación europea Transforming Health and Care Systems (THCS), con recomendacións estratéxicas para futuras inversións europeas e nacionais en prevención e promoción da saúde.
Se está interesado en asistir a este evento, pode rexistrarse a través da seguinte ligazón:
Formulario de Rexistro
Pode consultar a axenda e máis información
aquí.