Reúnese o comité de seguimiento do proxecto INNOVATRIAL para a creación dun sistema integral de xestión dos ensaios e estudos clínicos coa presenza do Director Xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI)

 

  • O proxecto abarca o reto tecnolóxico de procura de solucións innovadoras no ámbito da xestión dos estudos de investigación biomédica e en ciencias da saúde cun equipo formado por membros da Subdirección Xeral de Sistemas da Consellería e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde.
  • Durante o encontro tivo lugar a presentación do estado de avance das solucións desenvoltas polas empresas adxudicatarias, cuxa finalización está prevista para xuño de 2025.
 
Santiago de Compostela, 03 de setembro de 2024.- O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu durante a mañá de hoxe, a xornada de presentación dos avances na execución do proxecto INNOVATRIAL, dirixida ao Comité de Seguimento do devandito proxecto.
 
Este proxecto desenvólvese a través dun convenio de colaboración entre o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e o Servizo Galego de Saúde, establecendo unha colaboración activa nun proceso de contratación pública precomercial para lograr mediante a contratación de servizos de I+D+i abarcar o reto tecnolóxico de lograr unha plataforma que abarque de forma integral a xestión dos ensaios e estudos clínicos do sistema público galego.
 
INNOVATRIAL conta cun orzamento de 12 M euros financiado polos fondos Next Generation EU do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR). O proxecto atópase na segunda fase de execución da licitación de compra pública precomercial (CPP), correspondente ao desenvolvemento do deseño e fabricación de prototipo por parte das empresas adxudicatarias.
 
A Compra Pública Precomercial (CPP) é unha contratación de servizos de I+D a través dun procedemento competitivo en fases. O comprador público comparte coas empresas os riscos e beneficios da investigación necesaria para desenvolver solucións innovadoras que superen as que hai dispoñibles no mercado.
 
O proxecto desenvólvese en tres fases: a primeira de deseño das posibles solucións, a segunda na que ten lugar o desenvolvemento dos prototipos, e a terceira e última de verificación pre-operacional dos prototipos desenvoltos. Tras a licitación pública, seleccionáronse 4 adxudicatarios para a primeira fase de deseño que tivo unha duración de 4 meses, e posteriormente efectuouse unha avaliación e pase á seguinte fase das dúas empresas con maior puntuación que son NTT Data Spain, S.L.U. e IQVIA Information, SA. Ambas as empresas están a desenvolver dous sistemas en paralelo cun mesmo obxectivo, buscar unha solución integral para a xestión da investigación biomédica galega. A duración desta segunda fase está prevista ata novembro deste ano. O proxecto prevé o seu termo en xuño de 2025 tras a última fase de verificación nos 3 institutos de investigación galegos de ambos os prototipos desenvoltos polas empresas.
 
A Xornada comezou cunha benvida institucional a cargo do director xeral do CDTI, D. José Moisés Martin Carretero; e do Conselleiro de sanidade de Galicia, D. Antonio Gómez Caamaño, quen quixo agradecer ao equipo de traballo constituído por membros do CDTI, da Subdirección Xeral de Sistemas da Consellería de Sanidade, e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) o seu esforzo e compromiso co proxecto.
 
A continuación, a empresa NTT Data Spain, S.L.U., presentou a plataforma desenvolta incidindo no estado actual da mesma e obxectivos e pasos a seguir. Tras un breve descanso, para favorecer o cambio de relatores, a empresa IQVIA Information, SA, foi a encargada de efectuar a súa presentación nos mesmos termos que a anterior.
 
Durante a xornada, os participantes do Comité de seguimento do proxecto, integrado por diferentes profesionais do Sistema sanitario público de Galicia, tiveron a oportunidade de valorar a distinta perspectiva de execución realizada polas empresas, así como aclarar as dúbidas xurdidas durante as presentacións. O peche da xornada correu a cargo da directora de Certificación e Compra Pública Innovación do CDTI, Dna. Vega Gil Díaz.
 
COMPRA PÚBLICA DE INNOVACIÓN.
 
En 2018, o CDTI creou a Oficina de Compra Pública Innovadora (OCPI) cuxo obxectivo é, esencialmente, impulsar a Compra Pública Precomercial (CPP). Para iso, este organismo adquirirá servizos de I+D+i que satisfagan necesidades públicas.
 
Os posibles prototipos resultantes que se obteñan no proceso de desenvolvemento de tecnoloxías serán cedidos á Administración pública colaboradora que neste caso é o Servizo Galego de Saúde.
 
Por outra banda, a Compra Pública Precomercial é un modelo de contratación no que Galicia conta cunha ampla experiencia como mostra a consecución do I Premio Europeo de Contratación Pública de Innovación outorgado polo Consello Europeo de Innovación (EIC) ao Servizo Galego de Saúde no ano 2021.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.