SANIDADE PRESENTA A GUÍA DE PRÁCTICA CLÍNICA SOBRE ATENCIÓN PALIATIVA AO ADULTO EN SITUACIÓN DE ÚLTIMOS DÍAS

O documento pon a disposición dos profesionais recomendacións para mellorar a calidade da asistencia ao final da vida e favorecer a toma de decisións compartida entre pacientes, familiares e equipos multidisciplinares que participan na súa atención. Foi desenvolvida por un amplo grupo de profesionais do Sergas, coordinados pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

  Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021.- A sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), acolleu hoxe a presentación da Guía de práctica clínica sobre atención paliativa ao adulto en situación de últimos días, acto que contou coa intervención do xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa. A presentación, realizada en colaboración coa Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, tivo lugar en aberto para todo o Sistema Nacional de Saúde dende a canle de youtube da ACIS.

Esta guía pon a disposición dos profesionais unha serie de recomendacións coa finalidade de mellorar a calidade da asistencia ao final da vida e favorecer a toma de decisións compartida entre os pacientes e os seus familiares e os equipos multidisciplinares que participan na súa atención. Para os familiares e achegados dos pacientes, a guía proporciona materiais informativos específicos con recomendacións para o acompañamento dos seres queridos no final da vida.

A guía é o resultado do traballo dun amplo grupo de profesionais do Servizo Galego de Saúde implicados nos coidados do final da vida, e contou coa participación de familiares e representantes de pacientes. Ademais, tivo a colaboración de expertos do ámbito nacional e internacional, e foi revisada por profesionais e pacientes propostos polas sociedades científicas e asociacións de pacientes relacionadas cos coidados paliativos.

O traballo foi coordinado pola Unidade Avalia-t, da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), e financiado polo Ministerio de Sanidade, a través do plan de traballo da Red Española de Axencias de Evaluación de Tecnoloxías (RedETS), á quen pertence Avalia-t. Sinalar, así mesmo, que o documento forma parte da liña de guías de práctica clínica de GuíaSalud.

Persoal formado e sensible.

 Os últimos días de vida son un acontecemento complexo e difícil de afrontar tanto para o paciente como para a súa familia. Actualmente, a sociedade demanda que a atención ao final da vida se centre nas necesidades das persoas, que sexa de calidade e que permita unha morte conforme aos valores da persoas. Estas necesidades deben ter resposta, recoñecendo a naturalidade do proceso e atendendo ás dimensións biopsicosociais.

Para os profesionais sanitarios, a toma de decisións sanitarias no contexto de últimos días é complexa e difícil. O persoal debe estar formado e ser sensible e flexible para ser capaz de atender a especial vulnerabilidade dos pacientes nesta situación, cunha sintomatoloxía cambiante e coa aparición frecuente de complicacións que provocan situacións de urxencia, dando resposta ás necesidades específicas do paciente.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.