Os socios europeos do proxecto HERCULES coñecen en Galicia experiencias de referencia en innovación sanitaria e Compra Pública Innovadora

​

  • ​A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) organizou os días 20 e 21 de outubro unha visita de estudo para compartir boas prácticas en innovación sanitaria, colaboración público-privada e incorporación de novas tecnoloxías á asistencia.
  • Representantes de catro entidades europeas coñeceron diferentes iniciativas do sistema público de saúde de Galicia da man de profesionais da innovación e a práctica asistencial.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), como entidade coordinadora do proxecto europeo HERCULES, desenvolvido no marco do programa Interreg Europe, acolleu os días 20 e 21 de outubro unha visita de estudo dos socios internacionais do proxecto co obxectivo de compartir coñecementos, experiencias e boas prácticas relacionadas coa innovación nos sistemas sanitarios.

Na visita participaron representantes da Universidade de Twente (Países Baixos), da Rexión de Västerbotten (Suecia), da Rexión de Emilia-Romaña (Italia) e do Hospital Santa Eduvixes de Silesia de Trzebnica (Polonia).

Ao longo das dúas xornadas, os participantes coñeceron diferentes iniciativas galegas relacionadas coa compra pública de innovación, a colaboración público-privada, a investigación biomédica, a transformación dixital e a incorporación de novas solucións tecnolóxicas á práctica.

A primeira xornada, celebrada o martes 20 de outubro na sede de ACIS en Santiago de Compostela, estivo centrada no ecosistema galego de innovación e nas experiencias de compra pública innovadora desenvolvidas no ámbito sanitario. Na sesión participaron Ángel Casas da Axencia Galega de Innovación (GAIN) cunha presentación do ecosistema galego de innovación, afondada polo Xerente do Cluster Saúde de Galicia CSG, Iván Rarís.

A continuación, o Director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero, explicou o papel da compra pública de innovación no sistema sanitario galego, facendo especial fincapé nas consultas preliminares ao mercado como ferramenta para identificar solucións innovadoras e favorecer a participación das empresas nos procesos de innovación pública xunto cos modelos e exemplos de proxectos de Compra Pública Precomercial e Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora desenvolvidos. Alicia Piñeiro, Subdirectora Xeral de Integración e Innovación Asistencial do SERGAS, deu a coñecer a iniciativa UNI-VEC, como exemplo de Asociación para a Innovación orientada ao desenvolvemento de novas solucións no ámbito sanitario.

Visita ao Hospital Álvaro Cunqueiro

O mércores 21 de outubro, a delegación internacional trasladouse ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde coñeceu de primeira man diferentes iniciativas de innovación desenvolvidas na Área Sanitaria de Vigo e a súa aplicación directa na atención aos pacientes. A visita comezou coa benvida institucional de Manuel Olivares, director do hospital, seguida dun percorrido por MUSAVI, o museo do centro hospitalario.

A primeira sesión técnica estivo dedicada ao Nodo de Innovación Sanitaria de Vigo, coa participación de Daniel Simón, coordinador do Nodo e organizador da xornada; o doutor Carlos Martín, especialista en Cirurxía Ortopédica; e o doutor Alberto Fernández Villar, xefe do Servizo de Pneumoloxía, xunto co equipo do Máster de Bioenxeñaría. Posteriormente, Irene Illescas, responsable do proxecto Innov4life, presentou o Living Lab de Saúde de Vigo (LABSAÚDE) e os seus proxectos, como exemplo de espazo de experimentación e avaliación de solucións innovadoras en contornas sanitarias.

A visita continuou no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur), onde Eva Poveda, directora do instituto, acompañada do seu equipo, presentou a actividade investigadora do centro e mostrou aos participantes diferentes instalacións e laboratorios.

Outro dos puntos destacados da xornada foi a presentación do modelo de hospitalización a domicilio (HADO). Nesta sesión tamén participou a empresa Ad Hoc Developments, que presentou un proxecto de tabletas vinculado ao Living Lab.

Finalmente, a doutora María Dóniz presentou a experiencia dunha unidade pediátrica pioneira na utilización de videoconsultas, cunha demostración en directo desta modalidade asistencial, así como o proxecto VidaPed, recoñecido polos Premios anuais de innovación en saúde organizado pola rede de Nodos pola súa contribución á innovación na atención pediátrica.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.