O Servizo Galego de Saúde reúnese en Lugo para manter un encontro de traballo coa delegación escocesa do proxecto REHEAL de Compra Pública Precomercial sobre cadeas de suministro circulares


  • O Servizo Galego de Saúde da man da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde participan no proxecto REHEAL para a adquisición de solucións innovadoras de cadeas de suministro circulares na modalidade de Compra Pública Precomercial.
  • O proxecto ten unha duración de 4 anos e un orzamento total de 7,3 millóns de euros liderado pola Universidade de Edimburgo.

Lugo, 20 de xaneiro de 2026.- No marco do proxecto REHEAL o equipo técnico multidisciplinar do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde reuniuse no Hospital Universitario de Lugo cunha delegación escocesa para coñecer as instalacións e necesidades da área sanitaria luguesa no eido das cadeas de subministro sanitarias circulares que o proxecto pretende abordar a través da Compra Pública de Innovación (CPI).

Na reunión participaron o director da área de Desenvolvemento en Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero, a coordinadora da estratexia de economía circular do SERGAS, Beatriz Piñeiro de GALARIA xunto coa xefa de consultaría da citada empresa pública, Cristina Enjamio, e como anfitrión estivo liderada polo subdirector de recursos económicos da área sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos, Juan Francisco Ínsua xunto con persoal doutros servizos da área sanitaria.

O obxectivo do proxecto é potenciar a través da Compra Pública Precomercial (CPP) modelos orientados á economía circular para poder mellorar a xestión de produtos e materiais mellorando o medio ambiente en consonancia cos obxectivos do Pacto Verde da UE. REHEAL combina 5 compradores sanitarios europeos de vangarda con experiencias previas de experimentación como os Living Labs para poder probar e testar as solucións innovadoras que desenvolva o proxecto.

A reunión celebrada hoxe permitiu avanzar na proposta de licitación Precomercial do proxecto prevista cun orzamento de 3,5 millóns de euros. Cabe destacar que está previsto a presentación pública da Consulta Preliminar ao Mercado nun acto conxunto na Consellería de Sanidade o vindeiro 18 de febreiro. No marco do proxecto xa saíu no portal de contratos da Unión Europea o anuncio da futura licitación e CPM: https://ted.europa.eu/en/notice/-/detail/850409-2025​

A Universidade de Edimburgo coordina o proxecto e ten como socios, ademais do SERGAS e a ACIS, o Servizo Nacional de Escocia (NSS) e o Goberno Escocés (Reino Unido), a rexión de Hovedstaden (Dinamarca), a Fundación Clúster de Ciencias da Vida Cracovia – KLSK (Polonia), o Hospital MITERA (Grecia), e o consorcio europeo EIT Digital. Desta forma representará a 261 hospitais e centros sanitarios, a uns 300,000 profesionais sanitarios e case a 17 millóns de cidadáns.

O SERGAS a través da ACIS é referente en Compra Pública Innovadora a nivel europeo con experiencia no eido da metodoloxía de Living Labs o que posiciona a Galicia como axente clave para colaborar en proxectos europeos de innovación sanitaria, facilitando unha implantación de solucións pioneiras centradas nas necesidades de profesionais e pacientes.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.