- O galardón recoñece o uso do procedemento de “Asociación para a Innovación” no marco do Plan de Innovación sanitaria Código 100
- UNI-VEC é un dispositivo multicanle resultante deste proceso para a resección avanzada de tumores rectais mediante endoscopia flexible e cirurxía endoscópica transanal.
- Xa conta ca marcado CE para a súa incorporación na práctica clínica habitual adoptando as vantaxes que supón este novo dispositivo innovador.
Santiago de Chile, 27 de novembro 2024.- O Servizo Galego de Saúde da man da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde recolleu o galardón ao mellor proxecto de Compra Pública de Innovación (CPI) no marco do VI Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta celebrado durante os días 26, 27 e 28 de novembro en Santiago de Chile.
O galardón recoñece o uso do procedemento de “Asociación para a Innovación” por parte do Servizo Galego de Saúde no marco do Plan de Innovación sanitaria Código 100. Esta modalidade de licitación CPI foi utilizada para desenvolver un dispositivo multicanle ao reunir as condicións óptimas para a súa aplicación: detección de necesidades de I+D non cubertas pero cun obxectivo moi claro e uns resultados de rendemento que, de alcanzarse coas solucións propostas, poderían adquirirse e introducirse nos nosos procesos clínicos. Desta forma, partindo dun preprototipo xa existente coa solicitude de patente europea resultado do traballo de I+D previo realizado pola Unidade de Cirurxía Experimental do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, contratouse o desenvolvemento dunha solución innovadora para a mellora e evolución da tecnoloxía en estado de preprototipo a un dispositivo que poida ser usado en pacientes.
UNI-VEC é un dispositivo multicanle resultante deste proceso para a resección avanzada de tumores rectais mediante endoscopia flexible e cirurxía endoscópica transanal. Xa conta ca marcado CE para a súa incorporación na práctica clínica habitual adoptando as vantaxes que supón este novo dispositivo innovador.
Con este caso de éxito sáldanse as necesidades detectadas a priori da licitación da solución innovadora, avanzando nunha cirurxía sen cicatrices a través de orificios naturais con redución do tempo de realización do procedemento endoscópico ou cirúrxico, así como das complicacións e da recuperación postoperatoria; reducindo gastos asociados ao proceso que garantan a dispoñibilidade no mercado de dispositivos cun custo sustentable; e a posta en valor do coñecemento xerado na organización, a través do proceso de transferencia dos dereitos de explotación da patente pre-existente.
Código 100 foi un proxecto desenvolto polo Servizo Galego de Saúde xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde entre os anos 2016-2021 que contou cun orzamento de 13 millóns de euros co-financiados por fondos do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, a través dun convenio de colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
REFERENTES EUROPEOS EN COMPRA PÚBLICA INNOVADORA
Os primeiros recoñecementos chegaron da man dos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050 co segundo Premio Europeo de Compra Pública Innovadora (Procurement of Innovation Award 2015) da Comisión Europea e o Premio Nacional de Innovación 2013, na modalidade de Compra Pública Innovadora.
No 2021, o Servizo Galego de Saúde logra ser gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC) nunha candidatura na que se recolle a aposta pola compra pública innovadora con programas dende Hospital2050 e InnovaSaúde; ata Código100 centrado no envellecemento poboacional; Innova MicroLab para encarar a resistencia antimicrobiana; ou INNOVATRIAL un sistema innovador para a xestión integral dos ensaios e estudios de investigación biomédica, actualmente en execución.