O Hospital Universitario de Ourense acolle a xornada de irmandamento entre Galicia e a rexión portuguesa de Porto para coñecer o living lab da rede LABSAÚDE

  • No vindeiro mes de xuño, persoal do Hospital de Ourense e da ACIS continuará o intercambio de coñecementos na rexión de Porto cunha visita as súas instalacións.
Ourense, 6 de maio 2022.- Galicia acadou, xunto a rexión de Porto (Portugal), unha das iniciativas Twinning financiadas pola Comisión Europea no marco da iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA). O obxectivo dos programas de irmandade é a realización de actividades de intercambio de coñecementos entre rexións no ámbito do envellecemento activo.
 
A colaboración entre Galicia e Porto céntrase no intercambio de coñecemento sobre os living lab en saúde, que constitúen un mecanismo facilitador para a creación e posta en marcha de proxectos innovadores. Nesta  contorna interactúan múltiples axentes, entre eles os usuarios, que participan no proceso de innovación favorecendo o desenvolvemento de bens e servizos máis acorde ás súas necesidades.
 
No día de hoxe levouse a cabo unha xornada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), na que o equipo de Porto puido comprobar o funcionamento do living lab de saúde do Hospital Universitario de Ourense. A xornada contou coa presenza da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense do Servizo Galego de Saúde, persoal do Hospital Universitario de Ourense e do living lab e representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).
 
Por parte da rexión de Porto participaron diferentes profesionais da Dirección do Centro de Investigação, Diagnóstico, Formação e Acompanhamento das Demências (CIDIFAD) da Santa Casa da Misericórdia de Riba d’Ave e da Universidade de Porto.
 
Grazas a esta iniciativa Twinning o grupo de traballo formado por Galicia e Porto desenvolverá accións conxuntas, como a xornada, así como reunións e transferencia de coñecemento en torno aos living labs de saúde.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.