O Conselleiro de Sanidade participa no evento de lanzamento do proxecto Innov4life para a validación de solucións innovadoras dixitais e o establecemento dun Living Lab de Saúde entre Galicia e o Norte de Portugal

 
  • O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg – Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).
  • O programa promove a cooperación entre diferentes rexións europeas en problemas ou cuestións compartidas por ambas.

Vigo, 27 de febreiro 2024.- O Conselleiro de Sanidade participou apertura do evento de lanzamento do proxecto Innov4life no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O proxecto Interreg POCTEP conta cun financiamento global de 1,5 millóns de euros e ten como obxectivo facilitar a validación de novas solucións dixitais no ámbito da Saúde e establecerá un living lab transfronteirizo entre as dúas rexións.
 
Coa coordinación do Centro de Competencia para o Envellecemento Activo e Saudable da Universidade do Porto, Porto4Ageing, un total de sete organizacións forman o consorcio. Catro son galegas: a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a través da Área sanitaria de Vigo, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), e AFAGA Alzheimer. UPTEC e a Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave tamén son membros portugueses.
 
O proxecto ten unha duración de tres anos, establecerá un living lab transfronteirizo con instalacións na cidade de Vigo e na Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave en Portugal. Isto permitirá axudar a pechar a brecha entre os innovadores con tecnoloxías que necesitan ser validadas e os usuarios finais que forman parte do grupo demográfico ao que se dirixen estas solucións. Créanse así as condicións que permiten probar a recepción e adopción de solucións dixitais para a Saúde entre os usuarios finais, na súa propia contorna. O foco da iniciativa comezará coa demencia e a dexeneración cognitiva.
 
O evento que tivo dous días de duración e incluíu unha visita ao Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur dos socios galegos e portugueses conducida pola súa Directora Científica Eva Póveda e contou coa presenza do Xerente da Área sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, e do Xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa.
 
REFERENTES EUROPEOS EN PRÁCTICAS INNOVADORAS EN ENVELLECEMENTO ACTIVO E SAUDABLE
 
Esta iniciativa pretende continuar a traxectoria de Galicia que a levou ao recoñecemento por parte da Comisión Europea como rexión de referencia europea con catro estrelas no desenvolvemento de prácticas innovadoras, no marco da iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA).
 
O Living Lab de saúde de Vigo será o segundo tras Ourense da rede LABSAÚDE e aúna ao Servizo Galego de Saúde, Universidade, centros de investigación, empresas, organismos de apoio do sector da biomedicina e da biotecnoloxía e á sociedade. Trátase dun espazo de creación, que promove a innovación, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento dun tecido empresarial emprendedor no sector da saúde.
 
A nivel europeo, actualmente están en marcha seis proxectos europeos xunto con INNOV4LIFE cun orzamento que superan os 25 millóns de euros entre os que destacan: PROCURE4HEALTH para a creación dunha rede europea de compra pública de innovación en saúde (5 M. €); CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M. €); INVEST4HEALTH que procura novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios (5,5 M. €); TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i eurorexional en saúde (2,5 M. €); e HERCULES centrado na medicina personalizada e o fomento do envellecemento activo e saudable da poboación (1,6 M. €).
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.