I Convocatoria de participación no Living Lab de saúde de Ourense da rede LABSAÚDE

Proxectos seleccionados

 

Nesta primeira convocatoria, oito entidades asinaron os convenios co Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde para a participación no Living Lab de Ourense da rede LABSAÚDE. Así, nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) realízanse o ensaio de solucións innovadoras, e coa que se achegará a innovación sanitaria ás demandas dos usuarios.

Nomeadamente, a sociedade Custom Implants traballará no proxecto CI3D de fabricación de implantes a medida en casos de politraumatismo, mediante o uso da impresión 3D.

A sociedade Psicología Virtual, desenvolverá o proxecto HomeworksRehab, no que se empregará a realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral.

Pola súa banda, o equipo de rehabilitación Axón, utilizará a sala de estimulación multisensorial do CHUO para probar o seu proxecto SEMDA de terapia en pacientes maiores.

A spin-off Lincbiotech, que se achega desde o veciño Parque Tecnolóxico de Galicia, implemetará a iniciativa Minerva de procesado de imaxe neurolóxica para axudar aos diagnósticos de ictus e alzheimer.

Ademais, a spin-off Qubiotech, porá en marcha o proxecto Neuroquant, co obxecto de identificar biomarcadores na imaxe diagnóstica que permitan detectar de xeito precoz enfermidades neurodexenerativas.

Por último, a compañía Plexus xunto coas sociedades Insati Innovation, e Inforhouse, no proxecto AVECEN van deseñar, con pacientes e profesionais, un asistente virtual que facilite unha maior independencia e un envellecemento máis activo de pacientes con enfermidades neurodexenerativas, ao facer seguimento e control das súas rutinas.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.