I Congreso de innovación sanitaria

Organizado polo Nodo de innovación de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos


Os días 25 e 26 de xuño de 2026, o salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, acolleu o I Congreso de Innovación Sanitaria de Galicia, celebrado baixo o lema "Non vimos falar. Vimos cambiar". Dúas xornadas concibidas para conectar a profesionais, coñecemento, experiencias e proxectos cun obxectivo común: avanzar cara a unha innovación sanitaria capaz de xerar un impacto real no sistema e nas persoas.

O Congreso reuniu a profesionais sanitarios, xestores, investigadores, expertos en innovación, representantes de institucións e empresas tecnolóxicas, configurando un espazo aberto ao intercambio de ideas, á aprendizaxe e á colaboración entre os diferentes axentes que forman parte do ecosistema galego de innovación sanitaria.

Unha rede para impulsar a innovación sanitaria en Galicia

A primeira xornada estivo centrada na visión, a rede e o propósito. Tras o acto inaugural, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, xerente de ACIS, presentou a Rede Galega de Innovación Sanitaria, un dos elementos vertebradores do encontro.

A conferencia inaugural, "Innovación sanitaria con impacto real: do piloto ao sistema", correu a cargo de Ignacio Vallejo Maroto, médico internista e xestor clínico, e foi moderada por Rodrigo Gómez Ruiz, director de Petri Laboratorios de Ideas. A sesión puxo o foco nun dos grandes retos da innovación: conseguir que as boas ideas e experiencias piloto poidan evolucionar ata converterse en solucións incorporadas á práctica e ao propio sistema sanitario.

Un dos momentos destacados desta primeira xornada foi a mesa dedicada aos nodos de innovación sanitaria, moderada por José María Romero Fidalgo, director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS. Nela participaron representantes dos nodos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e do nodo central 061, mostrando a dimensión territorial e colaborativa da rede e a súa capacidade para conectar iniciativas xurdidas desde diferentes puntos do sistema sanitario galego.

A xornada finalizou cun espazo de networking e encontro con empresas tecnolóxicas do ámbito da saúde, favorecendo o contacto directo entre profesionais, proxectos e solucións innovadoras.

Da práctica clínica á investigación

A segunda xornada estivo orientada á práctica, o coñecemento e o futuro, cun programa estruturado en diferentes bloques temáticos.

A primeira mesa, moderada por Gracia Perfecta Rodríguez Feijóo, abordou a innovación desde todos os niveis asistenciais. Baixo o título "Da consulta ao paciente: innovación real na práctica clínica", contou coas intervencións de César Dilú, sobre atención primaria e innovación en saúde dixital; Felipe Cale Velles, sobre a Atención Primaria de Galicia; Iván Raris, cunha aproximación á intelixencia artificial e a innovación desde o ámbito hospitalario; e Felipe Iglesias Pernas, que achegou a perspectiva da enfermería e da innovación en primeira liña asistencial.

O programa reservou tamén un espazo específico para a presentación de proxectos seleccionados, dando protagonismo a iniciativas xurdidas do propio ecosistema e favorecendo que as ideas e experiencias innovadoras puidesen ser compartidas co conxunto de participantes.

Transformar ideas en proxectos útiles

A conexión entre investigación e innovación protagonizou outra das mesas do Congreso, baixo o lema ?Como transformar ideas en proxectos financiables e útiles?. Moderada por José Manuel Rosendo Fernández, contou coa participación de Mariña Pollán Santamaría, directora do Instituto de Saúde Carlos III; Eva Poveda López, desde a dirección científica do IIS Galicia Sur; Anxo Fernández Ferreiro, do ámbito de Farmacia do CHUS; e María Dolores Quintas Abadín, da asociación RENACER, que incorporou ao debate a perspectiva do paciente.

A mesa permitiu abordar o percorrido que existe entre unha idea inicial e a súa transformación nun proxecto viable, destacando a importancia das estruturas de apoio á investigación, a experiencia dos profesionais e a incorporación da voz dos pacientes ao proceso innovador.

Formar aos profesionais do futuro

A docencia innovadora en saúde ocupou tamén un lugar relevante. Moderada por Jaime Gulín, farmacéutico e membro do Nodo de Innovación de Lugo, a mesa reuniu a Luis A. González Rodríguez, que abordou a innovación na formación sanitaria especializada; Mónica Carballeira, responsable do Centro de Simulación Clínica do Hospital Vall d`Hebron, que profundou no papel da simulación; e Carlos Magro, presidente da Asociación Educación Aberta, que presentou novas metodoloxías de aprendizaxe para os profesionais do século XXI.

Do coñecemento á implementación

Como conseguir que a innovación chegue realmente ao sistema? Esta cuestión centrou a mesa sobre transferencia e implementación, moderada por Fernando Eiras Abalde.

Nela, José María Romero Fidalgo, de ACIS, abordou a compra pública innovadora como instrumento para favorecer a incorporación de novas solucións; Javier Creus Ruiz analizou que innovación necesita realmente o paciente; e Keith Albert Foo Gil, médico de familia en Laza (Ourense), puxo o foco no potencial da contorna rural como espazo para innovar, a través da experiencia dun living lab de innovación rural.

Tecnoloxía, datos e intelixencia artificial con sentido

O último gran bloque do Congreso estivo dedicado á tecnoloxía e a intelixencia artificial en saúde, abordando non só as súas posibilidades, senón tamén as condicións necesarias para que a súa utilización xere verdadeiro valor.

Cristina Sevilla Pérez analizou o paso da expectación xerada pola intelixencia artificial á súa aplicación real na práctica clínica; Jorge Prado Casal destacou o papel imprescindible dos datos para converter información en valor clínico; e Rubén Molano Zarate introduciu a dimensión da ética e a humanización na era da intelixencia artificial.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.