- O proxecto CEMTex ten como finalidade contribuír ao desenvolvemento dun modelo de consumo de materiais téxtiles médicos que cumpran de maneira óptima cos requirimentos sanitarios comunitarios, coa intención de reducir as emisións de carbono e de materiais sobrantes varios.
- O obxectivo final será xerar un modelo económico circular para este mercado, sen perder de vista os focos de problemáticas presentes na actualidade.
- O proxecto no que a ACIS é socio ten un orzamento de 1,7 millóns de euros e 4 anos de duración coordinado pola provincia holandesa de Gelderland.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026.- O Servizo Galego de Saúde da man de GALARIA EPSS. e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), socio do proxecto CEMTex, participou na organización do primeiro seminario temático "Compras verdes - Téxtiles médicos e esterilización", celebrado no marco do programa Interreg Europe.
O seminario, coordinado pola Rexión Central de Dinamarca, reuniu a expertos do sector sanitario e da contratación pública para analizar as oportunidades e os impactos da contratación verde na dispoñibilidade e o uso de téxtiles médicos circulares en Europa. O encontro estruturouse en tres sesións temáticas.
A primeira sesión centrouse na preparación estratéxica, destacando a importancia da planificación temperá e da colaboración cos provedores como elementos crave para facilitar a reutilización dos produtos, reducir os residuos e aliñarse cos obxectivos de sustentabilidade da Unión Europea.
A segunda sesión abordou a integración de requisitos de sustentabilidade e do cálculo de custos do ciclo de vida nos procesos de licitación, subliñando a súa importancia para garantir un impacto a longo prazo e empuxar a innovación na contratación publica.
Neste contexto, Cristina Enjamio Cabado, responsable do Servizo de Consultoría en GALARIA, presentou o modelo de integración de criterios verdes nas compras públicas do SERGAS, convidando a reflexionar sobre o papel da contratación pública non só como función de compra, senón como unha ferramenta estratéxica para o desenvolvemento de sistemas sanitarios máis sostibles.
A terceira e última sesión dedicouse aos aspectos de implementación e seguimento, destacando que a adopción eficaz de solucións verdes require a formación do persoal, o seguimento do desempeño dos provedores e unha avaliación continua para reforzar os futuros ciclos de contratación.
O seminario constituíu unha oportunidade para analizar como a contratación circular pode reducir o impacto ambiental e xerar valor engadido no sector sanitario, tanto a nivel nacional como europeo.