- O proxecto CIRCE ten a finalidade de transferir e implantar seis boas prácticas no ámbito da atención primaria de 4 estados membros (Bélxica, España, Portugal e Eslovenia) entre os 12 países participantes restantes. A súa duración é de 36 meses e conta cun orzamento total de 12.218.074,07 €.
- Unha das boas prácticas transferidas é o sistema de teleasistencia domiciliaria (TELEA), que será pilotada nas rexións europeas de Norrbotten (Suecia), Piemonte, Teramo, Emilia-Romagna (Italia).
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025.- Os socios do proxecto europeo Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care (CIRCE) no que participa a Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), reuníronse os días 5 e 6 de marzo en Liubliana, Eslovenia, para celebrar a reunión anual do proxecto.
A primeira xornada comezou cun discurso de benvida por parte do director xeral de NIJZ (Instituto Nacional de Saúde Pública de Eslovenia), anfitrións do evento, e coa intervención dos coordinadores do proxecto, o Servizo Andaluz de Saúde (SAS). A continuación, tras unha breve ronda de presentación dos asistentes, interviñeron os líderes dos paquetes de traballo de Comunicación, Avaliación das necesidades e Metodoloxía para o proceso de transferencia para expoñer actividades realizadas e a planificación para os próximos meses de proxecto.
Tras unha breve pausa, abríronse sesións paralelas entre os propietarios das boas prácticas obxecto de transferencia e os seus respectivos implementadores. Na mesa redonda sobre TELEA abordáronse as características principais dos pilotos de Piemonte, Teramo e Módena, e Norbotten, os cambios respecto á boa práctica orixinal, os profesionais que participan no proceso de implementación, o sector poboacional ao que a acción vai dirixida, o número de pacientes implicados, a localización e duración do piloto, así como as actividades formativas e de implementación levadas a cabo. A reunión do Comité de Dirección do proxecto (Steering Committee Meeting) clausurou a primeira xornada deste encontro presencial.
As sesións paralelas continuaron durante a segunda xornada. Nesta segunda rolda, os propietarios das boas prácticas, incluídos o SERGAS e a ACIS, compartiron coas rexións implementadoras as súas impresións sobre os métodos de avaliación do impacto dos pilotos, medidas de sostibilidade, así como outros factores claves para o éxito da implementación das boas prácticas.
A xornada continuou coa presentación das actividades dos paquetes de traballo sobre Proceso de transferencia e implementación, Reforzo de capacidades e Sostibilidades. Todas elas claves para continuar co desenvolvemento conxunto na implementación e transferencia de prácticas sanitarias. Para finalizar este encontro, o equipo de coordinación realizou un breve resumo das cuestións máis importantes abordadas durante o evento, así como dos obxectivos e actividades a desenvolver polos socios do proxecto nos vindeiros meses.
A reunión presencial de CIRCE-JA permitiu analizar as actividades realizadas durante o último ano da joint action CIRCE e reforzar a cooperación e o diálogo entre as rexións participantes. Ademais, xerou un espacio de traballo no que programar as liñas de traballo ata fin de proxecto para garantir a efectiva implementación das 6 boas prácticas obxecto de transferencia nos sistemas sanitarios das rexións piloto e reforzar a atención primaria nos estados membros participantes.