Galicia participa na asamblea anual do proxecto Invest4Health en Bergen (Noruega) para incentivar novos modelos de financiamento para a promoción da saúde e prevención de enfermidades

 
  • Somos rexión de referencia para testar novos modelos de financiamento innovadores xunto coas rexións de Escania (Suecia), Gales (Reino Unido), e Renania do Norte-Westfalia (Alemania)
  • O proxecto Invest4Health conta coa participación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde xunto cun total de 18 entidades de ata 8 países. O proxecto ten unha duración de 3 anos e medio e un orzamento de 5,5 M. euros.
 
Bergen (Noruega), 23 de maio de 2024.- O proxecto Invest4Health (I4H) reuniuse en Bergen (Noruega) durante os días 21, 22 e 23 de maio para celebrar a súa reunión anual. O obxectivo deste encontro foi poñer en común os resultados obtidos por cada un dos grupos de traballo ao longo do último ano e así poder adaptalos para poñelos en práctica en cada un dos pilotos. No caso de Galicia, o piloto está centrado na mellora da calidade de vida dos pacientes con fibrose quística, centrándose no seu seguimento e control a través da ferramenta de teleasistencia TELEA do Servizo Galego de Saúde.
 
Durante a primeira xornada, celebrada o martes 21, celebrouse unha sesión de traballo, previa a reunión de tódolos socios, liderada polo Research Institutes of Sweden (RISE) e na que participaron as catro rexións piloto (Escania, Gales, Renania do Norte-Westfalia e Galicia) co obxectivo de compartir problemáticas comúns e formas de abordaxe.
 
A xornada do día seguinte centrouse no concepto e a adopción por parte das rexións pilotos do modelo económico coñecido como Smart Capacitating Investment - SCI (Inversión Capacitadora Intelixente), cuxo obxectivo é proporcionar financiamento sustentable para a adopción de medidas sanitarias preventivas e as súas vantaxes no ámbito da saúde.
 
O encontro rematou coa visita as instalacións da empresa norueguesa Eitri, especializada na industria sanitaria, onde se realizaron talleres sobre a creación de espazos de colaboración e o fomento da participación cidadá, entre outros. Así mesmo, compartiuse a información necesaria para afrontar os próximos pasos e fíxose unha recapitulación a modo de clausura do evento. Estas sesións permitiron aos 18 socios do consorcio compartir os seus avances e puntos de vista sobre a evolución do proxecto, intercambiar coñecemento e fortalecer as relacións entre os distintos grupos de traballo.
 
A nivel europeo, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde ten en marcha seis proxectos no eido da innovación sanitaria cun orzamento que superan os 25 millóns de euros: PROCURE4HEALTH para a creación dunha rede europea de compra pública de innovación en saúde (5 M. €); CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M. €); INNOV4LIFE para a creación dun ecosistema transfronteirizo no eido dos living labs (1,5 M. €); TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i; eurorexional en saúde (2,5 M. €); e HERCULES centrado na medicina personalizada e o fomento do envellecemento activo e saudable da poboación (1,6 M. €).
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.