Galicia participa en Helsinki no lanzamiento de AURORad, un proxecto europeo para mellorar a calidade e seguridade dos procedemientos médicos con radiacións ionizantes


  • A iniciativa, financiada por EU4Health, reúne a 110 organizacións de 29 países europeos para impulsar boas prácticas en radioloxía, radioterapia e medicina nuclear.
  • O proxecto conta cun orzamento de 14,37 millóns de euros onde Galicia está representada a través do Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e GALARIA Empresa Pública de Servizos Sanitarios

Helsinqui (Finlandia), 14 de outubro de 2026.- Os días 13 e 14 de outubro en Helsinki (Finlandia) celebrouse a reunión de lanzamento do proxecto europeo AURORad, unha iniciativa destinada a mellorar a calidade e a seguridade dos procedementos médicos que utilizan radiacións ionizantes. O Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e GALARIA Empresa Pública de Servizos Sanitarios forma parte de consorcio formado por 110 organizacións de 29 países europeos, entre elas autoridades sanitarias, organismos de protección radiolóxica, hospitais, universidades e entidades científicas.

A delegación galega en Helsinki estivo integrada pola Director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, José María Romero, e os profesionais especialistas neste ámbito de GALARIA, Antonio López Medina, Benito Andrade Álvarez e Francisco Mosquera-Pena.

O proxecto, financiado pola Unión Europea a través do programa EU4Health, dispón dun orzamento total de 14,37 millóns de euros, dos cales aproximadamente 11,5 millóns corresponden a financiamento europeo. Desenvolverase entre outubro de 2026 e setembro de 2031, baixo a coordinación da autoridade finlandesa de seguridade radiolóxica e nuclear STUK.

O papel de Galicia en AURORad

A participación conxunta das tres entidades galegas reforza a colaboración internacional do sistema sanitario público de Galicia en materia de protección radiolóxica e calidade asistencial. Permitirá compartir experiencia e coñecementos con organizacións europeas e contribuír á elaboración e implantación de boas prácticas.

AURORad enmárcase no Plan de Acción SAMIRA da Comisión Europea e contribúe aos obxectivos do Plan Europeo de Loita contra o Cancro. As súas liñas de traballo abarcan a xustificación de probas diagnósticas, as auditorías clínicas, a aprendizaxe de incidentes, a xestión de dose e a calidade de imaxe, a protección en imaxe pediátrica e durante o embarazo, a radioterapia guiada por imaxe e a terapia radiofarmacéutica.

O Sergas contribirá en distintos paquetes de traballo relacionados con auditoría clínica e xustificación de procedementos (WP5), sistemas de aprendizaxe de incidentes (WP6), xestión de dose e calidade de imaxe (WP7), radioterapia guiada por imaxe (WP9) e formación (WP11). Pola súa banda ACIS, achegará recursos e experiencia na xestión de proxectos de innovación, capacitación, xestión do coñecemento e transferencia de resultados aos profesionais sanitarios como co-lider do paquete de traballo de capacitación (WP11) xunto coa Universidade de Magdeburgo de Alemaña. Finalmente, GALARIA lidera tarefas técnicas de aprendizaxe de incidentes (WP6) e xestión de dose (WP7), achegando a súa experiencia e liderado técnico en seguridade radiolóxica e calidade de imaxe.

A reunión de lanzamento celebrouse no Cultural Centre and Conference Hotel Sofia de Helsinqui. Durante a primeira xornada presentáronse os obxectivos do proxecto, as expectativas da Comisión Europea e da Axencia Executiva Europea de Saúde e Dixital (HaDEA), así como os once paquetes de traballo e os seus responsables. A xornada concluíu coa Asemblea Xeral do consorcio.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.