- O Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde forman parte do consorcio do proxecto europeo xunto con 33 socios de 15 países.
- A través deste encontro presencial, os socios tiveron a ocasión de opinar e debatir sobre os progresos obtidos no proxecto, producíndose o intercambio de experiencias en materia de compra pública innovadora entre o conglomerado de países que forman dita comunidade.
Bruxelas, 4 de decembro 2024.- Os días 3 e 4 de decembro tivo lugar a asemblea xeral de socios do proxecto PROCURE4HEALTH, destinado á creación dunha rede europea de compra pública innovadora no eido da saúde, xunto co intercambio de boas prácticas e coñecementos.
O proxecto PROCURE4HEALTH conta cun orzamento de 5 millóns de euros e busca crear unha rede europea de compradores públicos de solucións innovadoras en saúde. O proxecto o conforman 33 socios de 15 países, incluíndo 14 compradores públicos da Unión Europea. A participación en PROCURE4HEALTH integra ao SERGAS e ACIS na maior rede europea de compra pública innovadora de ámbito sanitario, axudando ás partes para definir necesidades comúns, trazar estratexias para os retos sanitarios do futuro, compartir boas prácticas de CPI e contribuír a transformalas en políticas públicas.
O evento comezou no primeiro dos días coas reflexións e sesións conxuntas para elaborar un plan de acción en compra pública innovadora que sirva para influír nas políticas públicas que está a desenvolver a Comisión Europea neste eido. A experiencia do Servizo Galego de Saúde, recoñecida en 2021 como gañadores dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC), con programas dende Hospital2050 e InnovaSaúde; ata Código100 centrado no envellecemento poboacional; Innova MicroLab para encarar a resistencia antimicrobiana; ou INNOVATRIAL un sistema innovador para a xestión integral dos ensaios e estudios de investigación biomédica, actualmente en execución; serviron tamén de inspiración para trazar as liñas deste plan. O segundo día consistiu na presentación dos progresos para cada un dos paquetes de traballo nos que está dividido o proxecto.
A nivel europeo, actualmente están en marcha seis proxectos europeos xunto con PROCURE4HEALTH cun orzamento que superan os 25 millóns de euros entre os que destacan: CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M. €); INVEST4HEALTH que procura novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios (5,5 M. €); TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i eurorexional en saúde (2,5 M. €); INNOV4LIFE para a creación dun ecosistema transfronteirizo no eido dos living labs (1,5 M. €); e HERCULES centrado na medicina personalizada e o fomento do envellecemento activo e saudable da poboación (1,6 M. €).