- Con motivo da celebración do Día mundial de concienciación ante a parada cardíaca, o xerente do Servizo Galego de Saúde, o director xeral de Relacións Exteriores e da Unión Europea e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 participaron nunha acción formativa en Chaves.
- O 061 de Galicia e a Escola Superior de Saúde da Cruz Vermella Portuguesa-Alto Támega realizan un adestramento masivo co obxectivo de mellorar a supervivencia no caso de presenciar unha parada cardiorrespiratoria.
- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera o proxecto IntegraSaúde de 3 anos de duración, 8 socios e 1,2 millóns de euros
Chaves (Portugal), 16 de outubro de 2026.- Galicia e o Norte de Portugal reforzaron a súa cooperación transfronteiriza na atención ás emerxencias coa formación de 150 estudantes, principalmente procedentes de centros educativos de Chaves e de Verín, co obxectivo de proporcionarlles os coñecementos e habilidades necesarios para recoñecer unha parada cardiorrespiratoria e actuar de forma rápida e eficaz ata a chegada dos servizos de emerxencias.
Esta acción formativa, desenvolvida con motivo do Día mundial da parada cardíaca, que se conmemora hoxe, 16 de outubro, contou coa representación galega do xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, do director xeral de Relacións Exteriores e da Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo, e do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez.
Deste xeito, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Escola Superior de Saúde da Cruz Vermella Portuguesa-Alto Támega realizaron un adestramento masivo na cidade portuguesa de Chaves.
Demóstrase, así, a importancia da colaboración entre ambos os territorios, a través do proxecto IntegraSaúde liderado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), e da formación da cidadanía para mellorar a supervivencia no caso de presenciar unha parada cardiorrespiratoria (PCR).