Convocatoria de subvencións para axudas de proxectos de investigación de Medicina Personalizada de Precisión

No BOE de data 26 de xullo do 2021 publicouse unha corrección de erros da resolución do 12 de xullo da Dirección do Instituto de Saúde Carlos III, da que o seu extracto foi publicado no BOE, do 15 de xullo do 2021, na que se aprobaba a convocatoria para o ano 2021 de concesión de subvencións para axudas de Proxectos de Investigación de Medicina Personalizada de Precisión da Acción Estratéxica en Saúde 2017-2020, con cargo aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O texto completo pódese consultar na Base de datos Nacional de Subvencións co identificador BDNS: 574666 (clic AQUI)
 
A Medicina Personalizada de Precisión implica unha transformación na forma na que se toman decisións na práctica clínica e nas medidas de saúde pública, e persegue unha medicina máis segura, máis eficiente , preventiva e preditiva, baseada na utilización de datos masivos e adaptada ás características individuais que afectan á saúde; así mesmo, a antedita medicina recoñece a necesidade de xerar información xenómica e molecular para mellorar a comprensión das enfermidades.
 
O obxecto desta resolución é a concesión de subvencións para fomentar o avance progresivo da Medicina Personalizada de Precisión mediante o financiamento de proxectos que posibiliten o desenvolvemento e implementación no SNS de actuacións clínico-asistenciais que permitan incrementar a precisión en persoas e servizos de saúde dos diferentes procedementos de prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación dispoñibles.
 
Poderán ser beneficiarios das axudas as seguintes persoas xurídicas, sempre que realicen ou xestionen actividades I+D+i en Biomedicina ou en Ciencias e Tecnoloxía da Saúde:
  • Institutos de investigación sanitaria acreditados por orde ministerial.
  • Entidades e institucións sanitarias públicas con actividade clínico-asistencial ou sen ela.
  • Entidades e institucións sanitarias privadas sen ánimo de lucro.
  • Organismos públicos de investigación definidos no artigo 47 da Lei 14/2001, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación.
    Universidades públicas, os institutos universitarios e as universidades privadas con capacidade e actividade demostrada en I+D, de acordo co previsto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.
  • Outros centros públicos de I+D, diferentes dos sinalados no punto cuarto, vinculados ou dependentes da Administración xeral do Estado ou do resto das administracións públicas e os seus organismos, calquera que sexa a súa forma xurídica.
  • Entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que realicen ou xestionen actividades I+D, xeren coñecemento científico ou tecnolóxico ou faciliten a súa aplicación e transferencia.
A contía total máxima desta convocatoria é de 29.500.000 €.
O prazo de presentación de solicitudes é do 20 de xullo ata as 15:00 h do 9 de setembro de 2021.
 
No lateral dereito dispoñedes dun acceso á resolución.
Convocatoria de 2021 das axudas para Medicina Personalizada de Precisión

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.