Galicia, exemplo de innovación na loita contra a Covid-19

  • A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera o proxecto europeo TITTAN Covid-19 con cinco rexións europeas
  • A análise de mostras por medio da técnica do Pooling, a posta en marcha do aplicativo  PassCovid; ou a adaptación da plataforma de telemonitorización (TELEA) á situación sanitaria; foron algunhas das boas prácticas implementadas por Sanidade
  • O Proxecto Tittan Covid-19 está financiado polo programa Interreg Europe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022.- O proxecto TITTAN COVID-19, liderado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, e no que Galicia interveu en calidade de coordinador, celebrou esta mañá a súa conferencia final baixo a temática “COVID-19 e o futuro da atención sanitaria”.

Durante os últimos meses os socios do proxecto integrado por Galicia, Euskadi, Saxonia, Lombardía e Escocia, compartiron as leccións aprendidas durante a loita contra a covid-19, afondando nas prácticas que foron clave nesta lide en cada unha das rexións.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, encargouse de presentar as boas prácticas implementadas por parte da nosa comunidade e explicou como foi a resposta da nosa rexión durante a pandemia. Neste senso, destacou a estratexia galega de vacinación da que se obtiveron uns destacados resultados (con maiores porcentaxes de cobertura en todos os rangos de idade superiores á media española).

As prácticas amosadas polo conxunto de socios deste proxecto europeo demostraron unha rápida reacción e adaptabilidade dos seus sistemas e organizacións, á complexa situación que se estaba a vivir.

Con este evento, danse por finalizadas as actividades do proxecto despois de 6 anos dunha produtiva cooperación interrexional, e na que na última fase se centrou nas respostas dos diferentes sistemas sanitarios á pandemia causada pola covid-19.

A clausura do evento contou coa intervención do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; quen salientou as boas prácticas levadas a cabo na loita contra a pandemia e que foron obxecto de estudo neste proxecto. Así, remarcou a posición de Galicia como referente dentro de España, entre outras razóns, pola resposta inmediata á pandemia e os bos datos de vacinación acadados.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta, tamén remarcou a grande labor dos profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde e puxo en valor o éxito de iniciativas pioneiras e aplicacións apoiadas na innovación, conxunturas que fixeron de Galicia unha comunidade destacada na resposta á pandemia. Entre elas destacou a habilitación dos diferentes AutoCovid, a técnica do Pooling para análise de mostras, o aplicativo  PassCovid; ou a adaptación da aplicación de telemonitorización do Sergas, TELEA; á situación sanitaria.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.