ACIS participa no evento de lanzamento do proxecto de innovación transfronteiriza New Health no eido da oncoloxía e cardioloxía liderado pola FIDIS


  • O proxecto New Health, dotado cun orzamento de case 7 M€ no que participa a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), pretende xerar cambios estruturais no sistema sanitario, comezando polos eidos da oncoloxía e as enfermidades cardiovasculares
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, situou hoxe a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na vangarda europea da innovación sanitaria co impulso do proxecto New Health de colaboración transfronteiriza centrada no paciente e orientado aos eidos da oncoloxía e a cardioloxía.

O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu no acto de clausura da presentación deste proxecto liderado pola Fundación Pública Galega de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) e no que participa a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)

Na súa intervención no acto, o titular de Sanidade agradeceu aos doutores José Ramón González Juanatey e Rafael López López o seu liderado científico neste proxecto de cooperación transfronteiriza, que reflicte o enorme potencial investigador galego e o papel clave que xogan os institutos de investigación sanitaria da nosa comunidade á hora de conectar coñecemento, innovación e práctica clínica con outros territorios.

New Health nace co obxectivo de impulsar un modelo sanitario más eficiente, innovador e centra​do no paciente, reforzando a cooperación entre Galicia e el Norte de Portugal en ámbitos clave como a medicina personalizada, a dixitalización da saúde e a integración de datos clínicos.

Gómez Caamaño puxo de relevo a capacidade que terá o proxecto de New Health para promover cambios estruturais no sistema sanitario, integrando asistencia, investigación e innovación nun mesmo modelo, co obxectivo de acadar unha sanidade máis eficaz e vangardista.

Tamén indicou o conselleiro que, deste proxecto, dotado con case 7 M€, destaca sobre todo o seu enfoque, posto que, máis alá da tecnoloxía e da innovación, pon no centro do sistema ao paciente, o que representa o maior acerto.

Trátase -proseguiu Gómez Caamaño- de avanzar cara unha sanidade máis próxima, máis equitativa e máis eficiente, capaz de dar resposta aos grandes retos actuais que son o envellecemento da poboación ou o aumento das enfermidades crónicas, sen perder nunca a perspectiva humana que define a práctica clínica.

No acto interviu tamén o Xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde sobre o ecosistema galego de innovación en saúde e as colaboracións institucionais como fin para lograr os obxectivos do proxecto.

Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Ligazóns asociadas

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.