- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde coordina o proxecto europeo HERCULES destinado á transferencia e implantación de boas prácticas no eido da innovación dende a demanda dotado con 1,6 millóns de euros.
- O anfitrión o municipio de Aarhus liderou a xornada centrada nas barreiras e facilitadores para a adopción de solucións innovadoras nos sistemas de saúde europeos.
Aarhus (Dinamarca), 22 de maio do 2025.- Os socios do proxecto HERCULES, coordinado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, reuníronse na cidade de Aarhus en Dinamarca no que xa é o terceiro evento interrrexional de aprendizaxe a compartición de boas prácticas no eido da innovación sanitaria.
O proxecto HERCULES conta cun orzamento de 1.609.666 euros e o seu obxectivo é desenvolver un plan estratéxico a nivel europeo para o despregamento na contorna sanitaria de solucións que aborden a adopción de solucións innovadoras nos servizos públicos de saúde, baseado nunha análise das vulnerabilidades, recursos e capacidades das rexións implicadas. O proxecto o conforman sete rexións europeas e buscase a participación de tódolos axentes da quíntuple hélice (cidadáns, autoridades rexionais, empresas, inversores e academia) a nivel rexional.
A reunión semestral do proxecto, celebrada os días 21 e 22 de maio de 2025 en Aarhus, estruturouse en dúas xornadas e contou coa participación da ACIS, representada polo seu director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, José María Romero, acompañado polas xestoras do proxecto Andrea Fernández e Ana Sabina Sande.
A primeira sesión comezou cunha introdución ao sistema de saúde e atención sanitaria no Municipio de Aarhus, presentada por Ivan Kjær Lauridsen, Xefe de Tecnoloxía de Vida Asistida. A continuación, realizouse unha presentación sobre as boas prácticas centradas nas barreiras e facilitadores para a adopción de solucións innovadoras, incluíndo o desempeño de Galicia no marco da Compra Pública Innovadora recoñecida a nivel europeo.
Posteriormente continuou cunha visita a exposición interactiva DokkX centro living lab do municipio de Aarhus destinado a mostrar novas tecnoloxías relacionadas coas demencias e discapacidade. A primeira xornada finalizou a cargo da Universidade de Twente presentou os informes rexionais e compartiu observacións relevantes que achegan á análise comparativa e á mellora das estratexias de implantación das boas prácticas compartidas no marco do proxecto.
A segunda xornada centrouse en compartir os resultados das reunións cos grupos de acción local, extraendo aprendizaxes chave para orientar os próximos pasos do proxecto. Ademais elaboráronse distintos talleres sobre os desafíos, fortalezas, oportunidades e debilidades da implantación de boas prácticas identificando aspectos críticos para a súa mellora no proxecto.