A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organiza unha Xornada Formativa sobre Transferencia de I+D+i en Saúde no marco do proxecto TRANSFIRESAÚDE


A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organiza unha Xornada Formativa sobre Transferencia de I+D+i en Saúde no marco do proxecto TRANSFIRESAÚDE


   • O Conselleiro de Sanidade, destacou o potencial das 12 propostas seleccionadas na convocatoria de axudas, dotada con 500.000 €, para o desenvolvemento precomercial de solucións innovadoras no ámbito sanitario no marco do programa PRIS-T
     A iniciativa enmárcase no proxecto Transfiresaúde co que Galicia e Portugal buscan abordar os retos comúns do envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025. - A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), entidade coordinadora do proxecto TRANSFIRESAÚDE, celebrou unha xornada formativa en transferencia de I+D+i na Consellería de Sanidade.

O obxectivo principal deste proxecto é aproveitar o potencial da cooperación transfronteiriza co fin de consolidar un ecosistema de innovación e potenciar a creación de redes de coñecemento e empresariais, fomentar a dixitalización e mellorar a competitividade empresarial.

A xornada comezou cun acto inaugural presidido polo Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. A continuación, José María Romero Fidalgo, director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, presentou os proxectos TRANSFIRESAÚDE e PRIS-T.

Posteriormente, baixo a moderación de José María Romero Fidalgo, os representantes de EIT Health Spain, Isabel Alfany, Ángeles Barrios e Antonio Rodríguez , expuxeron as distintas vías e instrumentos de apoio e financiamento dispoñibles para o emprendemento no ámbito sanitario.

Durante o evento celebrouse unha mesa de debate centrada nas posibles alternativas de colaboración entre o sector público e privado no ámbito da saúde. Nesta mesa participaron Cristina Gómez-Gordo (GSK) e Iván Rarís Filgueira (Agrupación industrial de Saúde de Galicia), e foi moderada por Pilar Morgade Saavedra, directora da área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria da ACIS.

Así mesmo, a xornada incluíu unha sesión formativa centrada na protección, valorización e transferencia de resultados do I+D+i biomédica. Neste espazo, Alberto Álvarez (Álvarez Real Patentes e Marcas) e Adriana Esteves (ClarkeModet Portugal), expertos en propiedade industrial e transferencia tecnolóxica, compartiron os seus coñecementos cos asistentes. Ademais, organizáronse encontros B2B centrados na protección, valorización e transferencia de resultados no ámbito do I+D+i biomédica.

Finalmente, tivo lugar o acto de clausura, presidido por Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, Xerente da ACIS, e Hugo Prazeres, representante da entidade socia do proxecto i3S Instituto de Investigação e Inovação em Saúde.

Esta xornada supón un paso máis na consolidación dun ecosistema de innovación en saúde máis integrado e colaborativo, clave para impulsar a transferencia de coñecemento e a aplicación do I+D+i biomédica. O proxecto TRANSFIRESAÚDE seguirá desenvolvendo iniciativas que fomenten a cooperación transfronteiriza e a colaboración entre o ámbito académico, empresarial e sanitario, co obxectivo de abordar os retos do envellecemento activo e a medicina personalizada. 



Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.