A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organiza un taller sobre a aplicabilidade clínica do dispositivo UNI-VEC para a resección avanzada de tumores rectais mediante endoscopia flexible desenvolvido a través da CPI


  • UNI-VEC desenvolveuse no marco do Plan de innovación Código 100 co reto de procura de solucións innovadoras para a resección avanzada de tumores rectales mediante endoscopia flexible desenvolvemento a través da modalidade de CPI de Asociación para a Innovación.
  • A formación desenvolveuse no Centro Tecnolóxico de Formación (CTF) e contou coa inauguración oficial por parte do Xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde.

A Coruña, 4 de xuño de 2025.- No día de hoxe desenvolveuse un taller avanzado sobre a aplicación clínica do dispositivo UNI-VEC, unha iniciativa que é o resultado directo do Plan de Innovación Sanitaria Código100, un programa impulsado polo Servizo Galego de Saúde da man da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, no marco dun convenio co Ministerio de Ciencia e Innovación e con financiamento do Programa Operativo FEDER 2014-2020. O taller celebrouse no Centro Tecnolóxico de Formación (CTF) da área sanitaria da Coruña e Cee e o instituto de investigación biomédica coruñés INIBIC. Trátase dunha formación acreditada e organizada conxuntamente pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde e a Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde.

A xornada contou coa inauguración oficial por parte do Xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, acompañado pola Directora da área de Planificación e Promoción da investigación, Pilar Morgade e a Director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, José María Romero da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

O proxecto enmárcase nunha estratexia de Compra Pública de Innovación, e en concreto, no procedemento de Asociación para a Innovación, previsto na Lei de Contratos do Sector Público. Grazas a este modelo, o SERGAS puido colaborar directamente coa empresa Vecmedical co fin de desenvolver, validar clinicamente e adquirir unha solución deseñada desde as propias necesidades do sistema sanitario galego.

Non estamos ante unha compra estándar. Estamos ante o resultado dun proceso de co-desenvolvemento liderado pola sanidade pública, no que o SERGAS actuou como impulsor do reto clínico, como co-deseñador da solución e, ademais, como titular da patente base do dispositivo.

En canto ao proceso de regulación e validación, o dispositivo superou todas as fases esixidas polo Regulamento Europeo (UE) 2017/745 para produtos sanitarios. Obtivo a certificado CE de calidade outorgado polo Centro Nacional de Certificación de Produtos Sanitarios, tras superar ensaios técnicos, preclínicos e clínicos, moitos deles realizados na contorna do CHUAC.

Este proceso culminou coa incorporación do dispositivo ao catálogo de produtos do SERGAS, conforme aos criterios de eficacia, seguridade e eficiencia establecidos pola Dirección de Asistencia Sanitaria e pola Dirección de Recursos Económicos. Estamos, por tanto, ante un produto listo para a súa integración progresiva nos servizos clínicos.

Desde a perspectiva asistencial, UNI-VEC supón un avance en cirurxía minimamente invasiva, ao permitir intervencións máis precisas, menos traumáticas e con mellores resultados postoperatorios. Isto non só mellora os resultados en saúde: tamén favorece a eficiencia dos recursos, acurta tempos cirúrxicos e reduce estancias hospitalarias.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.